Inercia e precariedade laboral, así combate a Xunta os incendios forestais

A campaña de 2021 contra os lumes no monte non terá moitas diferenzas con respecto á de 2020, mesmo no que respecta á prevención contra a COVID. A isto engádenselle as queixas de forzas sindicais ante o “caos” que está creando a “reestruturación” que Medio Rural di querer aplicar ao servizo contraincendios, cuxos resultados para algúns traballadores supoñen non resolver cuestións como a precariedade froito das contratacións temporais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O parque do Xurés xa sufriu un dos primeiros lumes do ano, un dato que pon o acento nunha das reivindicacións sobre a política contraincendios da Xunta, a prevención. Representantes dos e das traballadoras antiincendios reclaman unha política activa que axude a reverter ou controlar a magnitude dos lumes forestais que cada ano é máis potente. En base a isto, as mesmas voces piden un cambio radical nas políticas de contratación, ou ben que todo o persoal traballe doce meses ao ano ou que alonguen os períodos de seis a nove meses e de nove a doce ata ter todos os cadros cun mesmo patrón laboral. O traballo durante todo o ano tería aos cadros preparados para os meses de risco e o máis importante, acabaría coa precariedade dentro do sector.

Helicóptero Kamov
Helicóptero Kamov | Fonte: Wikipedia

SEGURIDADE ANTE A COVID

A campaña 2020 colleu a todo o cadro contra o lume no medio da pandemia por COVID. Xa se deran unha serie de instrucións preventivas. “Hoxe en día temos material anti-COVID, aínda que seguimos insistindo en medidas como entrada e saída de quendas sen mesturarse, deixando desinfectado o lugar e material ademais da creación de grupos burbulla en caso de contaxio” di Marcos Rodríguez da UGT. Ademais, este servizo é considerado esencial e por tanto debera ser un colectivo xa vacinado contra o coronavirus. “Hoxe por hoxe non estamos vacinados e Sanidade non o fará” di Zeltia Burgos da CIG.

En canto a isto último, unha carta do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña sinala que se vacinaron membros doutros colectivos que consideraban prioritarios segundo a lei 5/2007 de 7 de maio: emerxencias supramunicipais e bombeiros de consorcios municipais e supramunicipais. Na mesma carta sinálase que “este é o motivo polo cal non se considerou ao persoal do SPIF como incluído no grupo 6A da estratexia Nacional de Vacinación”.

Desta maneira, estarían en risco “860 bombeiros fixos de 12 meses, 610 bombeiros fixos-discontinuos de 9 meses e entorno a 1000 traballadores de 6 meses, 90 Tecnicos Forestais e 400 Axentes Forestais aos que hai que engadir os medios do Estado e da Administración local” segundo cifras aportadas por CCOO.

Estracto da carta do conselleiro de Sanidade con motivos para non vacinar a membros contraincendios
Estracto da carta do conselleiro de Sanidade con motivos para non vacinar a membros contraincendios | Fonte: cedida

PERSOAL

O parágrafo anteior descríbense algunhas das categorías laborais entre o persoal contraincendios do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) dependente da Xunta. Existe persoal fixo que traballa todo o ano, logo fixos discontinuos por nove meses e traballadores de seis meses, moitos fixos discontinuos. Os  períodos dos fixos-discontinuos incrementáronse logo de varios anos de reivindicacións, pasando de tres meses a seis e de seis meses a nove. Aínda así “o ideal sería que todos fosen aumentando os períodos ata chegaren aos 12 meses” di Rodríguez.

En 2020 produciuse un feito tamén reclamado desde había anos. Os traballadores da sociedade de Servizos Agrarios de Galicia (SEAGA), pasaron a formar parte das listas de contratación da Xunta para entraren no SPIF recoñecéndolles a súa antigüidade como traballadores de extinción e servizos no monte. A cuestión é que existe unha cantidade importante de persoal sen estabilizar ou consolidar a súa praza dentro do servizo contraincendios da Xunta. A solución sería a convocatoria de oposicións.

As diferenzas sinaladas nos tempos de contratación fan que os sindicatos pidan a ampliación do tempo de traballo do persoal de 9 a 12 meses e os de 6 como mínimo a 9 meses. O motivo é que con “traballadores vinculados só seis meses de contratación, nin poden vivir exclusivamente dese traballo nin se pode pretender ter un cadro profesionalizado” di Emilio Doforno de CCOO. E que sucede coa convocatoria de OPE dentro deste colectivo? “Están convocadas as oposicións de libre acceso de 2016, tampouco se convocaron as oposicións para persoal con máis de tres anos” di Marcos Rodríguez.

Esta situación crea unha taxa de temporalidade dentro deste colectivo do 60%. As forzas sindicais denuncian que para os traballadores de seis meses a Xunta non ten un plan de consolidación e que, ademais, están en fraude de lei din tamén desde CCOO. “A reestruturación que pretende levar adiante a Xunta creou un conflito laboral entre o persoal técnico que xa foi á folga en 2020” sinala Zeltia Burgos. A estabilización dos postos de traballo sería “un avance na calidade do servizo, mais a COVID deixou todo no aire, paralizando procesos que se terían que ter feito hai 15 anos”.

FORMACIÓN POR INERCIA

O actual SPIF móvese por inercia, unha inercia acumulada por anos, a día de hoxe non sabemos cando contratarán aos traballadores de seis meses” di Burgos, quen tamén destaca “esa inercia fai que a formación do persoal sexa tamén por inercia ademais de que os plans de prevención por distrito están sen renovar”.

Marcos Rodríguez apunta que o actual método de formación “é de repaso e por iso pedimos unha formación regrada e específica para cada unha das categorías”. Esta petición vai encamiñada a que “con cursos de 12 horas non podes facer fronte a incendios que duran 8 horas ou máis e a Admnistración ten unha grande falla neste punto”. A isto debe sumarse o apuntado por Emilio Doforno, que actualmente “aos profesionais do SPIF regúlanos un convenio caducado desde o ano 2008” e que por tanto “debe existir unha unificación de criterios en canto a cuestións fundamentais que reflictan as responsabilidades ou competencias actuais do servicio, de maneira unitaria en todo o territorio”.

A preparación do capital humano dentro do SPIF, a súa formación, faise mediante un sistema de rutina que, a xuízo dos sindicatos, non forma debidamente fronte á nova tipoloxía de incendios que arrasan os montes. Por outra parte, a non consolidación de postos de traballo crea altas taxas de precariedade laboral, un apartado que tamén inflúe na formación do persoal. E logo está a media de idade, pois nalgúns distritos pode pasar dos 55 anos e por iso sería necesaria a incorporación de novo persoal mediante OPEs abertas.   

Incendio en Lousame
Incendio en Lousame | Fonte: twitter incendios Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

E despois desa gran lista están os grandes olvidados das brigadas helitransportadas que a malloria traballa menos de 6 meses e non se Lles valora os servicios prestados nin teñen continuidade laboral