As Torres Hejduk do Gaiás convértense nun viveiro de sementes cunha intervención artística ao redor da auga

É obra do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/03/2021 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou este martes nas Torres Hejduk do Gaias 'O perpetuo tránsito cara o presente', unha intervención artística do enxeñeiro forestal Miguel Moreno Mateos, que reconstrúe un orixinal sistema de rega, composto por 17 esferas de cristal de diferentes tamaños e feitas artesanalmente, en cuxo interior hai material orgánico (minerais, crustáceos, pedras...).

Nova instalación artística nas torres Hejduk do Gaiás
Nova instalación artística nas torres Hejduk do Gaiás | Fonte: Cidade da Cultura.

A través destes cilindros, e coa choiva recollida no cume da torre opaca, nútrese un viveiro con sementes, situado na torre de cristal, co obxecto de facelas brotar. A idea é reflectir a importancia da auga como orixe da vida, xusto na semana que se conmemora o Día Mundial da auga (22 de marzo).

O representante da Consellería de Cultura lembrou que a instalación se inscribe na programación do Xacobeo21 e destacou o "evidente símil" que se aprecia co Camiño, "unha experiencia que purifica á vez que permite ir absorbendo e incorporando vivencias que transforman ou permiten emprender novas etapas e proxectos".

A auga da choiva que chega á instalación purifícase mediante radiación ultravioleta, descende a través de tubos de burosilicato e flúe na torre de cristal entre as esferas, feitas artesanalmente con vidro soprado en diferentes tamaños. Estas esferas van desde os 70 quilos, para albergar ata 100 litros, aos 380 gramos, con capacidade de 1 litro.

A máis grande é a última en recoller toda a auga que percorreu as 16 esferas anteriores, nunha viaxe na que se foi contaminando no sentido de enriquecendo cos materiais orgánicos, minerais e vexetais que albergaban cada unha das esferas. É esta auga a que rega un viveiro con sementes de cabaza, co obxectivo de que crezan nas Hejduk durante o período da instalación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta