Padrón, o concello máis solidario en doazóns de sangue

O municipio rexistrou a maior participación cidadá, con 100 doazóns por cada 1.000 habitantes. En toda Galicia rexistráronse 104.637 doazóns en 2020 malia a pandemia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) rexistrou durante o ano 2020 un total de 104.637 doazóns de sangue que permitiron o adecuado desenvolvemento do labor asistencial nos hospitais galegos a pesar da pandemia da covid-19.

Doazón de sangue
Doazón de sangue | Fonte: Europa Press.

Estas 104.637 doazóns supuxeron unha taxa de 39 por cada 100.000 habitantes ao ano. Unha cifra que se sitúa lixeiramente por baixo das 109.330 alcanzadas no ano 2019, un descenso que a Xunta ve "comprensible" dada a situación de pandemia.

Neste sentido, lembra ademais que, nos meses de marzo a maio, nos que se produciu un confinamento severo da poboación, suspendeuse a segunda fase de doazón da campaña universitaria, que ten un peso específico considerable no volume de doazóns totais anuais.

Así se desprende dos datos de actividade presentados este xoves pola directora de ADOS, Marisa López, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen destacaron o excelente comportamietno da cidadanía galega a prol da doazón.

Segundo indicou Marisa López, a implementación de protocolos de seguridade e de reforzo informativo fixeron posible as doazóns de sangue, especialmente durante os meses de confinamento, nos que se permitiu manter o abastecemento de sangue aos hospitais.

Por iso, ambos os dirixentes mostraron o seu agradecemento, tanto para os donadores e donadoras de sangue, como para todos os profesionais da Axencia de Doazón de Sangue que, neses momentos iniciais de incerteza, mostraron o seu compromiso co sistema público de saúde.

A directora de ADOS puxo en valor a contribución da cidadanía de toda Galicia e destacou a excelente taxa de doazón da provincia da Coruña, cun índice de 44 por cada mil habitantes e ano. Por detrás sitúase Pontevedra, cunha taxa de 39 por cada mil habitantes; mentres que en Ourense é de 32 por cada mil habitantes e, en Lugo, de 24 por mil.

Con estas cifras, indicou que, a falta de coñecer os datos definitivos de participación de todas as Comunidades, case con seguridade, Galicia continuará sendo unha das autonomías con maior nivel de participación nas campañas de sangue.

DATOS POR CIDADES

Un 47% das doazóns rexistráronse nas sete grandes cidades, urbes nas que se alcanzou a cifra de 49.526, que supón unha media de 50 por cada mil habitantes.

A cidade de maior taxa de doazón foi Santiago de Compostela, con 94 doazóns por cada mil habitantes. Con todo, en número sitúase Vigo en primeiro lugar, con 13.497, xa que é a cidade máis populosa de Galicia.

Ademais, por concellos, o de Padrón é no que se rexistrou unha maior participación cidadá, con 833 doazóns, o que lle permitiu alcanzar un índice de 100 por cada 1.000 habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta