GC Aberto

Carta aberta a Ángeles Vázquez Mejuto, presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Talvez vostede, dona Ángeles, o ignore, pero os teléfonos de información, e os funcionarios que os atenden, do novo «progromos» de rehabilitación enerxética botan fume debido ás numerosas chamadas interesándose polo motivo polo cal as persoas que padecen unha discapacidade foron excluídas del. Pola súa causa, os discapacitados están sendo máis minusvalorizados que nunca; e non só eles, tamén o seu voto.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 02/04/2021

Comparte esta noticia

Saúde e alegría, dona Ángeles:

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comparece no pleno. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comparece no pleno. XUNTA

Permítame que me dirixa a vostede co saúdo co que Epicuro comezaba as súas cartas porque, como lerá a continuación, esta misiva ten moito que ver con ámbalas dúas cualidades da vida dos seres humanos.

O pasado 5 de marzo vostede asinou a «Resolución pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021», publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 22 do mesmo mes, en cuxa primeira páxina se advirte de que por mor da «Resolución do 4 de novembro de 2020 pola que se convoca o Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes [...] non se realizará a convocatoria do Programa de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021, xa que ambas teñen unha finalidade similar».

En efecto, dona Ángeles, até certo punto, as finalidades dos dous Programas son análogas; porén, o que resulta totalmente diferente é a contía da subvención cando os solicitantes posúen ingresos modestos e/ou padecen algunha discapacidade.

Así, na Resolución do IGVS do 15 de xullo do 2019 (DOG do día 30 dese mes) pola que se estabelecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade (liña A, a eliminada pola súa Resolución do 5 de marzo de 2021) e de fomento da conservación e da accesibilidade en vivendas (liña B) do Plan estatal de vivenda 2018-2021, a axuda cubría deica o 40 % do importe da actuación, pudendo chegar até o 75 % cando os ingresos da unidade de convivencia fosen inferiores a tres veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) ou, no caso da liña B, no domicilio morara una persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

Pola súa banda, para determinar estes aspectos a Resolución do 4 de novembro do 2020 (DOG do 6) remite ao lugar no que se dispoñen, o «Real Decreto 737/2020, de 4 de agosto, por el que se regula el programa de ayudas para actuaciones de rehabilitación energética en edificios existentes [...]». Nesta norma estatal as subvencións flutúan entre o 15 % e o 35 % do investido (a chamada «Ayuda Base»), porcentaxe que pódese incrementar coa denominada «Ayuda adicional».

A «Ayuda adicional» varía entre un 5 % e un 20 % (chegando, xa que logo, a subvención máxima ao 55 % do importe da intervención) en función de tres criterios: social, eficiencia enerxética e actuación integrada. Aquí interésanos o primeiro, por ser o que, «prima facie», aseméllase ao criterio de discapacidade; mais non é así dado que refírese a edificios de vivendas de protección pública ou situados en «Áreas de Regeneración y Renovación Urbanas o Rurales», ao que tamén poden acollerse os consumidores que teñan concedido o bono social.

Outra fenda transcendental entre ambos plans consiste en que no que veño de citar a contía máxima da subvención para as actuacións de rehabilitación enerxética é de seis mil euros por vivenda; cantidade que pode ser asumible cando se trata de edificios cun certo número de pisos, pero que resulta ridícula para as casas unifamiliares, nas que un único propietario asume todos os gastos.

En cambio, na mencionada, e suprimida, liña A do Plan estatal de vivenda 2018-2021 a axuda xeral oscilaba entre oito mil e doce mil euros segundo a vivenda estivera dentro dun edificio ou fose unifamiliar; axuda que podía ampliarse deica os vinte e catro mil euros no suposto de haber residentes con discapacidades graves.

Talvez vostede, dona Ángeles, o ignore, pero os teléfonos de información, e os funcionarios que os atenden, do novo «progromos» de rehabilitación enerxética botan fume debido ás numerosas chamadas interesándose polo motivo polo cal as persoas que padecen unha discapacidade foron excluídas del. Pola súa causa, os discapacitados están sendo máis minusvalorizados que nunca; e non só eles, tamén o seu voto.

Prezada dona Ángeles: Con carácter urxente, o Instituto Galego da Vivenda e Solo que vostede preside debe proceder a elaborar e publicar unha Resolución cunha nova convocatoria que restableza a liña A do Programa de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Nesta virulenta época de covid-19, a problemática que motivou esta miña exhortación máis que nunca é unha cuestión de saúde e de alegría. Por favor, dona Ángeles, non llas tiren aos que máis as necesitan.

¡Non o merecen!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta