A Xunta aplica rebaixas no prezo dos billetes cando as viaxes en transporte sexan frecuentes

As viaxes débense pagar co cartón TMG, dispositivo que permite rexistrar o número de desprazamentos realizados no mesmo mes para determinar o dereito á rebaixa correspondente

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A Xunta aplicará a partir deste xoves, día 1 de abril, descontos nas viaxes frecuentes en transporte público que se abonen co cartón TMG. Así o destacou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, no que lembra que a propia titular do departamento autonómico, Ethel Vázquez, avanzou a pasada semana no Parlamento que a nova bonificación establece unha rebaixa do 25% no prezo dos billetes cando se superen as 20 viaxes no mesmo mes natural, e alcanza o 50% de desconto a partir dos 40.

Conforme precisou a Xunta, trátase das melloras introducidas nas condicións dos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que se activan unha vez que se dispón das aplicacións e sistemas tecnolóxicos necesarios para a súa aplicación. En concreto, para que os usuarios accedan a estes descontos teñen que cumprir dúas condicións. En primeiro lugar, pagar as viaxes co cartón TMG, dispositivo que permite rexistrar o número de desprazamentos realizados no mesmo mes para determinar o dereito á rebaixa correspondente. Doutra banda, para acceder a estes descontos, as viaxes deben ter orixe ou destino entre os mesmos municipios e facerse co mesmo concesionario, contando tanto a ida como a volta. Tamén contan aqueles traxectos que transcorran dentro dun único municipio.

O departamento autonómico sinalou que esta medida supón estender as bonificacións para usuarios frecuentes máis aló das áreas de Transporte Metropolitano, nas que xa existen este tipo de descontos e nas que os menores de 21 anos viaxen gratis co cartón Xente Nova.

O modo de funcionamento destes novos descontos implica que, no momento de pagar a viaxe, aos usuarios descóntaselles nos seus cartóns TMG o importe íntegro do billete, debido a que o cálculo se fai unha vez finalizado o mes natural. Despois de que a empresa concesionaria remita os datos, a Administración autonómica procesaraos para determinar o importe que lle corresponde a cada cartón por este desconto por recurrencia. A continuación, a Xunta abonará o pago dese importe ás persoas usuarias, o día 1 do mes seguinte ao proceso da información. É dicir, os descontos correspondentes ao mes de abril procesaranse en maio e recibiranse o 1 de xuño.

Para completar o proceso de reintegro do importe, os cidadáns só teñen que achegarse aos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora, Abanca, para recibir o importe que lle corresponde por recurrencia no seu cartón TMG.

Bus, autobús, plan de transporte. XUNTA - Arquivo
Bus, autobús, plan de transporte. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta