O Sergas podería estar deixando casos covid sen diagnosticar, segundo os últimos datos

Na última xornada produciuse un descenso de contaxios, casos e hospitalizacións. Porén, a positividade dos cribados vén de dar un salto logo de que o Sergas reducise á metade as probas realizadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2021 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Os pacientes ingresados con covid-19 nos hospitais galegos descenderon lixeiramente ata os 210, dous menos que 24 horas atrás. Deles, 180 están en planta --dous menos-- e 30 en unidades de coidados intensivos --os mesmos--. A baixada dos ingresados prodúcese nunha xornada na que tamén caeron os casos activos da enfermidade, ata o total de 2.223, que son 83 menos que un día atrás; e os novos contaxios detectados, ao sumarse 108 positivos, despois dos 154 do día antes.

Varias persoas pasean polo Paseo Marítimo de Sanxenxo, en Pontevedra, Galicia (España), a 27 de marzo de 2021. O subcomité clínico mantén o nivel alto de restricións no concello de Sanxenxo, o que leva que a hostalaría só pode servir. Beatriz Ciscar - Europa Press
Varias persoas pasean polo Paseo Marítimo de Sanxenxo, en Pontevedra, Galicia (España), a 27 de marzo de 2021. O subcomité clínico mantén o nivel alto de restricións no concello de Sanxenxo, o que leva que a hostalaría só pode servir. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Aínda que, a priori, estas cifras semellan dar conta dunha mellora na situación sanitaria, hai altas probabilidades de que os descenso rexistrado polo Sergas se deba, máis ben, á baixada dos esforzos da propia Consellería de Sanidade á hora de rexistrar o impacto da pandemia. De aí que a taxa de positividade --é dicir, que porcentaxe de persoas sometidas ás probas dan positivo-- se incrementara novamente. A cifra está aínda por debaixo do limiar de 'control' ditaminado pola OMS pero supón un incremento con respecto ás últimas semanas. 

De acordo cos datos ofrecidos este sábado pola Consellería de Sanidade, actualizados ás 18,00 horas do venres, a presión hospitalaria subiu en catro das sete áreas sanitarias: A Coruña-Cee, Ferrol, Ourense-Verín-O Barco e Santiago-Barbanza. Na da Coruña-Cee, que continúa como a de maior número de hospitalizados, hai 66 pacientes en planta --dúas máis--, aínda que baixan a 13 --un menos-- os críticos.

En Santiago-Barbanza, hai 17 en unidades convencionais (+1) e tres (sen variacións) en coidados intensivos; en Ourense-Verín-O Barco, son 19 en planta (+1) e un en críticos (os mesmos); e en Ferrol, sete en planta (+1) e tres en UCI (sen cambios). Mentres tanto, a presión hospitalaria mantívose con 20 ingresados na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés: 19 en unidades convencionais e unha en coidados intensivos.

Así mesmo, os hospitalizados baixaron na área de Vigo, ao subir os de UCI lixeiramente ata os sete pacientes --un máis--, pero descender ata o 44 --catro menos-- os de planta; e na de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os críticos se mantiveron en dous pero os de unidades convencionais diminuíron ata o oito --tres menos--.

MENOS CASOS ACTIVOS

Segundo os datos publicados este sábado, os casos activos baixaron ata os 2.223 en toda a Comunidade, 83 menos en 24 horas. Tan só se produciu unha repunta na área sanitaria de Santiago-Barbanza, con 283 pacientes de covid, nove máis. En canto ao resto, descenderon. A área sanitaria da Coruña-Cee contabiliza 719 casos activos (-33); a de Vigo, 605 (-16); a de Pontevedra-O Salnés, 230 (-8); a de Ourense-Verín-O Barco, 144 (-7); a de Lugo-A Mariña-Monforte, 139 (-23); e a de Ferrol, 103 (-5).

Pola súa banda, na última xornada os contaxios detectados desde o inicio da pandemia situáronse nos 117.424, ao sumarse 108 en 24 horas --90 confirmados cunha PCR--. Isto supón un descenso de 46 con respecto aos 154 positivos do día anterior. Das novas infeccións rexistradas, 27 correspóndense coa área de Vigo, á que seguen a de Pontevedra con 24, a da Coruña con 23 e a de Santiago con 21. Á cola sitúanse as de Ourense, con sete, e Lugo e Ferrol, con tres novos contagios.

Así, os contaxiados por este coronavirus na Comunidade galega ascenden a 117.424 en total, dos que 28.512 corresponden á área da Coruña-Cee; 22.324 á de Vigo; 18.544 á de Santiago; 14.881 á de Ourense; 12.825 á de Pontevedra; 12.073 á de Lugo; e 8.265 á de Ferrol.

REPUNTA A TAXA DE POSITIVIDADE

Ata a data da última actualización de datos, Galicia levou a cabo 1.863.866 PCR, tan só 2.222 entre as 18,00 do xoves e as 18,00 do venres --fronte ás máis de 5.000 das 24 horas previas--. No relativo á taxa de positividade, subiu ata o 3,3%, pero aínda continua por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS

Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron en Galicia 2.344 persoas diagnosticadas con este coronavirus, despois de que ao longo do venres Sanidade non notificase ningunha nova vítima. En canto aos curados, subiron ata as 112.878 persoas, o que implica que nas últimas 24 horas deuse o alta a 191 pacientes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta