A Real Academia Galega de Ciencias e a Xunta convocan o V edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta, convoca a sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.

Segundo a Academia, a ciencia e a tecnoloxía "teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país", polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega "é unha prioridade".

Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.

A proposta consistirá nunha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xuño de 2020 e o 20 de maio de 2021 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser do xénero da noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e artigos.

O traballo poderá versar sobre calquera aspecto relacionado coa ciencia en Galicia, ben sexan achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación ou mesmos casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado.

A dotación do premio será de 3.000 euros netos e irá acompañada dun diploma acreditativo. A maiores, concederase un accésit dotado con 1.000 euros netos para o segundo traballo mellor valorado, tamén acompañado dun diploma acreditativo.

Proxecto iSAR. MINISTERIO DE CIENCIA E INNOVACIÓN - Arquivo
Proxecto iSAR. MINISTERIO DE CIENCIA E INNOVACIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta