A coartada de Feijóo

Na conmemoración da ratificación legal do actual Estatuto de Autonomía, Alberto Núñez Feijóo e o seu partido reiteraron a coartada xustificativa que veñen utilizando, durante a última década, para incumprir a inicial promesa formulada na campaña electoral do ano 2009 relativa a unha presunta  iniciativa de reforma estatutaria: a situación política xerada en Catalunya a partir do recurso de inconstitucionalidade presentado polo PP de Rajoy contra o novo Estatuto aprobado en referendo polo corpo electoral catalán.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/04/2021

Comparte esta noticia
Durante moito tempo, Cataluña operou como un referente de certa relevancia na política galega. Nos primeiros anos do seu mandato, Manuel Fraga non dubidou en aproveitar os efectos derivados dos acordos subscritos por Pujol con Felipe González e J.M. Aznar en materia de financiamento autonómico, asumindo unha lóxica reivindicativa autonomista de menor intensidade que a de CiU pero de notoria carga simbólica (“autoidentificación”, propostas de “Administración única” e de reforma do Senado...). Na outra parte do escenario, o BNG participaba activamente na chamada Declaración de Barcelona (ano 1998) e trataba de reforzar o seu peso electoral exhibindo as súas coincidencias cos nacionalismos que viñan gobernando en Euskadi e Cataluña dende comezos da década dos 80. A iniciativa de elaboración dun novo Estatuto promovida polo BNG e o PSdG no ano 2006 tiña, tamén, unha implícita conexión co proceso análogo desenvolvido naqueles anos no seo do Parlament catalán.
 
As cousas comezaron a mudar coa sentenza do Tribunal Constitucional que anulou unha parte significativa do Estatut. O nacemento dun movemento político e social que propuña a independencia de Cataluña, a través dunha consulta específica e nun prazo curto, alterou os equilibrios que definían o mapa parlamentario precedente: substitución de CiU por unha forza -JxCat- explicitamente independentista; reforzamento notábel de ERC; importante debilitamento do papel do PSC... Nese novo contexto, Feijóo -que non se caracterizaba pola súa vontade autonomizadora a respecto do que se estabelecía na rúa Genova de Madrid- carecía dos incentivos que tivera o seu antecesor no PPdG para asumir prácticas derivadas dunha lectura ligth do que pasaba no universo político catalán.
 
Feijóo aproveitou a celebración dos 40 anos da promulgación do actual Estatuto para descualificar calquera pretensión de modificar, total ou parcialmente, o seu contido. Sabendo que ten a chave decisoria nun eventual proceso de reforma (requírese unha maioría cualificada de 2/3 da Cámara do Hórreo) e que no seo das forzas da oposición non hai, hoxe, unha concordancia a respecto do que compre facer neste eido, o presidente da Xunta perdeu unha oportunidade para demostrar a visión que cabe esixir a unha persoa que leva mais dunha década presidindo as institucións do autogoberno galego. Convén subliñar, en todo caso, que esta posición negacionista conta co apoio, polo menos tácito, dos aliados empresariais e mediáticos que veñen avalando a continuidade de Alberto Núñez.
 
A práctica coincidencia temporal entre a conmemoración do texto estatutario de 1981e os 90 anos transcorridos dende a proclamación da II República española podería motivar un recoñecemento da débeda histórica contraída co Estatuto aprobado en 1936 e arruinado pola sublevación franquista. Poren, Feijóo padece o mesmo síndrome que todos os dirixentes do PP: fica debedor da visión histórica que branquea o golpe de Franco polos supostos excesos vividos durante o sistema democrático republicano.

O presidente do PP, Pablo Casado, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o acto institucional polo Día da Constitución no Congreso dos Deputados. EUROPA PRESS
O presidente do PP, Pablo Casado, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante o acto institucional polo Día da Constitución no Congreso dos Deputados. EUROPA PRESS | Fonte: J. Hellín. POOL - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.