As vítimas de Angrois ven admitido a trámite o contencioso-administrativo contra o Ministerio de Transportes

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid require do ministerio a remisión no prazo "improrrogable" de 20 días do expediente administrativo relativo a esa petición de revogación de membros da CIAF.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo que presentou a asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 contra o Ministerio de Transportes pola súa negativa a revogar a parte dos integrantes da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF).

Nunha notificación con data do 22 de abril, a sección sexta da sala do contencioso-administrativo deste tribunal designa como maxistrado relator a José Ramón Giménez Cabezón. Cabe interpor recurso de reposición no prazo de cinco días. Ademais, esta sala require do ministerio a remisión no prazo "improrrogable" de 20 días do expediente administrativo relativo a esa petición de revogación de membros da CIAF.

A plataforma de vítimas, que representa á maior parte dos afectados polo accidente ocorrido en Angrois en xullo de 2013, onde morreron 80 persoas e resultaron feridas 144, presentou o pasado día 15 a demanda contra o ministerio. Fíxoo despois de que o ministerio de José Luís Ábalos desestimase --nunha resolución que lles chegou o pasado 17 de marzo-- renovar a parte dos membros da CIAF, que segundo a plataforma "non goza de independencia" a día de hoxe.

O día da presentación do recurso, o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, pediu ao ministro que "deixe de mentir" ao dicir que "ten sensibilidade coas vítimas" e que as atenderá as veces "que sexa necesario" porque "é falso". Segundo Domínguez, levan "dous anos e medio detrás del", sen que lles concedese unha reunión.

As vítimas aseguran que Ábalos ten a capacidade para destituír a membros da CIAF, pero censuran que "non o fixo". Neste sentido, denuncian que aínda non se fixo unha investigación técnica "independente" como "vén reclamando Europa" e lembran que a que se realizou na época de Ana Pastor (PP) como ministra de Fomento foi rexeitada pola Unión Europea porque non analizaba "as causas raíz" que afectaban a "Renfe, Fomento e Adif", e que a UE "obriga a repetila".

A investigación, segundo subliña a asociación, téñena que realizar persoas que non formasen parte de Renfe e Adif, "xa que están investigados" na causa e ademais ten que analizar "todas as causas", que teñen que ver, precisamente, co ministerio, a operadora e o administrador ferroviario, algo que "non fixo".

"CONTRA AS VÍTIMAS"

Finalmente, Domínguez sinalou que tamén é obrigación do estado "dar audiencia a vítimas e familiares" e ata a data non ocorreu. Neste sentido, expresou que as vítimas senten "ninguneadas" polo tres últimos gobernos "do PP, do PSOE" e agora "do PSOE con Unidas Podemos" e que neste caso o estado está "contra as vítimas".

O 8 de abril transcendeu a confirmación, xa definitiva, do peche da investigación do xulgado de instrución número 3 de Santiago por parte da Audiencia Provincial da Coruña. Deste xeito, os dous imputados, o maquinista e o ex-xefe de seguridade na circulación de Adif, Francisco Garzón e Andrés Cortabitarte, respectivamente, irán a xuízo para determinar se son responsables de 80 supostos delitos de homicidio e 144 de lesións por imprudencia profesional grave.

CARTA Á PRESIDENTA DE ADIF

Despois de coñecerse o peche definitivo, a plataforma de vítimas do accidente enviou unha carta á presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, para esixirlle "que cumpra coa súa palabra" e cese ao cargo de libre designación que irá a xuízo pola súa etapa como responsable de seguridade na empresa pública, Andrés Cortabitarte.

Tanto Pardo de Vera como o ministro de Transportes, José Luís Ábalos, comprometéronse en decembro de 2018 ante as vítimas cesar a Cortabitarte do seu posto de libre designación no momento en que a imputación fose firme. "Ese momento chegou e esperamos que cumpra coa súa palabra para non xerar aínda máis dor ás vítimas e familiares", díxolle a plataforma á presidenta de Adif.

A preguntas dos xornalistas durante un acto en Santiago tras saberse do peche da causa, o ministro alegou que Cortabitarte fora apartado das súas responsabilidades en materia de seguridade para que continúe no seu cargo de libre designación.

Varias vítimas do accidente ferroviario do Alvia concéntranse cunha pancarta fronte ao Tribunal Superior de Xustiza, a 15 de abril de 2021, en Madrid (España).. Ricardo Rubio - Europa Press
Varias vítimas do accidente ferroviario do Alvia concéntranse cunha pancarta fronte ao Tribunal Superior de Xustiza, a 15 de abril de 2021, en Madrid (España).. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta