Denuncian que a Xunta entrega o control dos fondos europeos a "empresas amigas de dubidosa reputación"

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos rexeita a constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/04/2021 | Actualizada ás 10:34

Comparte esta noticia

Este xoves coñecíase a constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia por parte da Xunta, formada por Abanca, Sogama e Reganosa. Unha iniciativa duramente criticada pola Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos que denuncia que "o goberno galego entrega o mando da saída da crise e da xestión dos fondos Next Generation á banca e á gran empresa especulativa e contaminante".

Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo
Instalacións de Reganosa no Porto de Ferrol. REGANOSA - Arquivo

A coordinadora destaca que a chegada dos fondos europeos Next Generation supón unha oportunidade tanto para saír da crise como para transitar cara a outro modelo socioeconómico "no que a sustentabilidade sexa o eixe rector". Con todo, critica a "opacidade que practica o goberno galego, o desprezo á participación publica e a escolla arbitraria de empresas privadas para xestionar" este diñeiro.

Por iso, pídelle ao Executivo galego que, coa máxima urxencia, aclare cales van ser exactamente as competencias que van ter "esas tres empresas amigas". Para a Coordinadora, a escolla desta forma xurídica non é acertada baixo ningún prisma, "por canto debilita o poder do público e dá excesiva representación ao sector privado, esquecendo a representación das persoas traballadoras, das Pemes ou das entidades sociais".

Preocúpanos que haxa tanta presenza do sector privado, porque deberiamos apostar pola xestión pública directa dos cartos, como garante da procura do interese xeral", indica nun comunicado.  "Ademais, a escolla é nefasta, por canto se premia a empresas máis que controvertidas, relacionadas co espolio do público e con modelos de negocio altamente contaminantes", engade.

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos reafírmase en que bota en falta unha xestión pública e transparente dos fondos. “Todo se está a facer de costas á cidadanía. Así, dificilmente podemos pensar que vaia existir un reparto xusto, que fomente a economía produtiva e que aposte pola loita decidida contra o cambio climático e a perda de biodiversidade”, conclúen.

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos está formada por A Estruga, Amigos da Terra, Asociación Cultural O Iribio, Asociación Monte Galego, Asociacion Petón do Lobo, Auga limpa Xa!, Comando Ghichas, Ecoloxistas en Acción, FEG, Plataforma Salvemos Catasos, FRUGA, Fundación Montescola, Greenpeace, Instituto Galgo das Terras Comunitarias, Organización Galega de Comunidades de Montes, Opositores Porto-Cabral, Plataforma Salvemos Catasos, Plataforma veciñal mina Touro O Pino non, Rede Galega por un rural vivo, Salvemos a Comarca de Ordes, Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas, Stop Desaucios e Verdegaia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta