O Goberno central actualizará pensións e soldos de funcionarios segundo o IPC a partir de 2022

Prevé unha paga compensatoria a pensionistas por unha inflación superior ao 0,9% en 2021.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 30/04/2021 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O Goberno prevé actualizar o salario dos empregados públicos e as pensións en liña coa evolución dos prezos a partir de 2022, segundo recolle o Programa de Estabilidade remitido este venres a Bruxelas. "A partir de 2022 e seguintes prevese un incremento retributivo dos empregados públicos e das pensións en liña coa evolución de prezos", sinala o documento.

Pensionista
Pensionista | Fonte: Europa Press.

De feito, o texto explica que para o resto de exercicios e ante a ausencia dun novo marco retributivo, previuse un crecemento en liña cos prezos, "efecto que se verá lixeiramente consolidado por un menor crecemento deste gasto nos anos 2022, 2023 e 2024, como consecuencia da paulatina diminución das contratacións de persoal sanitario do Servizo Nacional de Saúde e doutras contratacións asociadas á pandemia, fundamentalmente no ámbito das comunidades autónomas e entidades locais, consolidándose, no entanto, unha parte deste gasto.

Este ano, a remuneración de asalariados aumentou un 3,8%, ata supor o 12,1% do PIB, "unha vez finalizado en 2020 o II Acordo para a mellora do emprego público e as condicións de traballo, asinado entre o Goberno e as organizacións sindicais.

Esta evolución, segundo explica o Goberno, recolle o incremento do 0,9% dos salarios de funcionarios aprobado nos Orzamentos de 2021 e a propia taxa de reposición de efectivos asociada ao crecemento da economía.

Tamén contempla "o reforzo adicional no número de efectivos no ámbito das comunidades autónomas necesario para o desenvolvemento das reformas e investimentos asociados aos proxectos financiados no período 21-24 cos fondos REACT- Axudas para Recuperación para a Cohesión".

Doutra banda, en materia de pensións, o Programa recolle o incremento do número de pensionistas, o efecto substitución e a revalorización das pensións conforme á evolución dos prezos.

Así mesmo, o Goberno prevé dar en 2022 unha paga compensatoria aos pensionistas debido a que se prevé unha inflación en 2021 posiblemente máis alta do 0,9% ao que se revalorizaron as pensións este ano.

O documento tamén recolle a prórroga das medidas de ámbito laboral aprobadas para mitigar os efectos da pandemia (ERTEs e prestacións extraordinarias de cesamento de actividade) ata finais deste ano e a súa finalización a partir de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta