Artellarmos outra produción eólica

O Decreto eólico do goberno BNG-PSdeG do 2007 garantía xustos rendementos para os propietarios dos terreos e as comunidades locais onde se inserían, así como priorizar os mellores plans industriais, que garantían para o ámbito local e, en xeral, para Galicia un desenvolvemento industrial adicional á potencia eólica adxudicada. Mais Núñez Feijóo derrogou as adxudicacións decididas ao abeiro deste Decreto, impedindo o desenvolvemento de plans industriais por 5.000 M€ que xerarían daquela uns 8.000 postos de traballo.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 02/05/2021

Comparte esta noticia

Arestora as enerxías renovábeis voltan estar na axenda. E iso está ben. Mais resulta que unha malfadada combinación da lexislación eléctrica española coa lexislación ambiental e de ordenamento territorial galega está a xerar unha enxurrada de proxectos eólicos  ilegais, inviábeis e insostíbeis. Proxectos moitas veces xerados dende a simple especulación e que non atenden ao desenvolvemento económico sustentábel da Galicia ao que haberían de se subordinar.

Parque eólico. NATURGY - Arquivo
Parque eólico. NATURGY - Arquivo

Existen tamén proxectos con ilegalidades abondo. A defensa do ambiente  e do patrimonio cultural (igrexas, castros, mámoas, camiños xacobeos…) han ir por diante, como ordenan as Leis galegas 5/2016 do patrimonio cultural e 5/2019 do patrimonio natural de Galicia. Por outra banda, para tentar diluir sobre o papel o impacto ambiental e na paisaxe algunhas das promotoras adoitan fraccionar macroparques inviábeis xurídicamente noutros menores, praxe xa condenada con pena de nulidade polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia). Arestora os proxectos dos parques Bustelo, Campelo e Toural, na bisbarra bergantiñá,  os de Legre, Gasalla e Solpor (na de Ordes-Curtis) e Troitomil e outros nas terras da Baña-Negreira incorren nesta fraude de lei.

Sen contar os desaquelados impactos paisaxístico (arestora fan torres de 200 m., non as vellas de 30) e acústico, que fai imposíbel a vida nas aldeas da contorna. Ou a inviabilidade das explotación agrogandeiras, porque desta volta queren facer parques eólicos nos prados das abas, xa non só nos cumios e curotas.

Se isto non se amaña imos ver un dos conflitos sociais máis importantes da historia contemporánea de Galicia. Porque moitos propietarios rurais, sindicatos agrarios, comunidades de montes en mán común, alcaldes dos partidos todos e as forzas políticas de oposición van estar fronte esta enxurrada propia dos peores esquemas da explotación colonial, tendo en conta que exportamos o terzo da enerxía eléctrica que producimos e non podemos beneficiar ás  nosas empresas e á nosa cidadanía cunha tarifa eléctrica que compense os nosos custos ambientais e sociais.

Velaí que haberían ser as industrias galegas responsábeis as que haberían termar deste conflito e propor un marco legal, un auténtico pacto social, que regulara a explotación eólica na Galicia, alicerzado: i) nunha acaída  compensación ás comunidades locais, propietarios individuais ou comunitarios e concellos atinxidos (Mazaricos só percebe 200.000 € da Xunta dos 700.000 € que ésta recada polo canon eólico no seu territorio) ii) nun pacto pola reindustrialización- sectorial nas renovábeis e xeral a medio dunha tarifa eléctrica industrial de noso- e iii) nunha volta ao modelo do goberno bipartito priorizando na escolla eólica ás empresas vencelladas á economía produtiva galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.