Por Europa Press / Redacción | Ourense | 11/05/2021 | Actualizada ás 17:46
A Deputación de Ourense continúa coas iniciativas para conseguir para a Ribeira Sacra a distinción de Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco a través da publicación dun estudo que analiza, da man de técnicos e de profesores das universidades de Vigo e Santiago, as singularidades da paisaxe e do patrimonio deste enclave xeográfico que comparten as provincias de Ourense e Lugo.
A publicación, coordinada por Manuel Arias Estévez, conta con especialistas como os profesores Pedro Araújo e María Teresa Barral, entre outros, e ten como obxectivo "pór en valor a xeoloxía, os chans naturais, os viñedos e a cultura deste enclave único", explicou Manuel Baltar.
Para iso, a Deputación de Ourense "contribúe a divulgar este importante traballo que abarca estudos de edafolosía, viñedos, cuberta vexetal, paisaxe, clima, cultura, xeoloxía e xeomorfoloxía, que veñen ratificar a relevancia deste lugar, cuxa andaina para ser Patrimonio Mundial comezou a instancias da Deputación de Ourense e atópase no seu tramo final", apostilou Baltar.
A Ribeira Sacra está formada por 21 concellos de Lugo e Ourense e as canles dos ríos Miño, Sil, Bubal, Lor e múltiples afluentes, con concas que suman máis de 100 quilómetros, tal e como sinala a introdución da obra, que complementa a todas as demais publicadas anteriormente sobre esta zona, centradas na paisaxe e no patrimonio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.