A burbulla de Monte Alto, o “Brooklyn” da Coruña

Cada día hai menos carteis de #SeVende ou #SeAlquila nas fiestras de Monte Alto. Porén o movemento inmobiliario no barrio herculino máis de moda da última década segue medrando. O mercado hoxe en día xestiónase na rede, onde plataformas como Idealista ou Fotocasa serven de escaparate para as ducias de inmobiliarias que traballan na zona.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Para analizar o que acontece en Monte Alto cómpre coller algo de perspectiva histórica. Aló polos anos 80-90 era considerado case o extrarradio, con moi poucas edificacións e un monte máis verde que gris. Máis alá dos Diplomáticos e a marea de Riazor Blues que agora pintan canas e crían aos seus fillos nas rúas que antes eran monte, pouca xente dos resto de barrios da cidade se achegaba por alí. Era considerado ademais “territorio comanche” polas xentes doutros barrios problemáticos como Katanga, Labañou ou a Safa.

Praia do Matadoiro e Monte Alto, na Coruña
Praia do Matadoiro e Monte Alto, na Coruña | Fonte: wikipedia

Todo mudou. Onde había un matadoiro medrou un hotel de 4 estrellas; onde había un secadoiro de coiro hai unha urbanización de luxo. A día de hoxe está considerada a zona máis “hispter” da cidade, onde se mestura a vida de barrio de sempre cos comercios máis innovadores, espazos de coworking, estudos de arte a pé de rúa… Agora é un barrio céntrico e moi soleado (sobre todo a zona orietada ao sur-oeste que dá á ensenada do Orzán), onde sempre hai 3-4º graos máis que pola banda de Riazor.

Un perfecto exemplo é a praia do Matadoiro, onde en canto aparece o primeiro raio de sol non queda un metro cadrado de area, onde se mesturan os clásicos maiores “chamizos” coa mocidade máis moderna. Pode que sexa o espazo con máis tatuaxes por metro cadrado do país.

CAUSAS DEMOGRÁFICAS E XENTIFRICACIÓN

Monte Alto vive a día de hoxe unha triple transformación demográfica.  Por un lado, son moitos os maiores (“CTVs”, ou “Coruñeses de toda la vida”) que van falecendo, deixando orfos os seus pequenos e amoreados.

Polo outro, xentes novas doutros barrios máis apartados ou de vilas cercanas chegan a Monte Alto con esa ansia de ter un barrio de sempre pero case que no centro, coas praias e o paseo ao lado, e cunha vía de escape tan cercana como a zona verde da Torre de Hércules.

Este proceso de xentricación nótase, por exemplo, nas aulas das escolas, onde as familias de sempre e as novas non se poñen de acordo en se a merenda debe ser ser froita ou “bollicaos”.

FACTOR "INDITEX" E "INVESTIMENTO"

A estas dúas circunstancias cómpre sumar o “factor Inditex” e a chegada doutras grandes multinacionais, que provoca o aumento do poder adquisitivo dun gran número de traballadores novos. “Das vendas que estamos facendo, un 70% son para inversores, e o outro 30 para xentes de Inditex”, chegou a recoñecer o comercial dunha inmobiliaria.

"Inversión". É a frase que máis se atopa nos anuncios dos portais inmobiliarios para pisos pequenos, vellos, como “oportunidad para inversores". “Tendo vendido pisos sen que os compradores veñan a velo”, recoñece Carolina Mouriño  Albornoz, axente da Inmobiliaria Novas Terras, con máis de 17 anos de experiencia na zona. Conta como vendeu máis dun piso de 60 metros por uns 100.000 euros, que se renovou cun par de tabiques abaixo e pronto se aluga por 600-700€.

Precisamente é o mercado do alugueiro o que máis está a medrar. “Dende que os bancos axustaron os seus créditos e dende que a vida laboral é máis precaria, a demanda de alugueres subiu moito máis que a da venta”, sinala. E pon cifras: “En 2010 os alugueres medios estaban sobre os 300€.  A día de hoxe encontrar un aluguer por 300€ é case igual a que che toque a lotería de Nadal”, a pesar de que o nivel de vida non subiu. “O valor medio dos alugueres subiron ata os 420€ máis o gasto do seguro de impagos, que agora se formula case como requisito indispensable a día de hoxe para poder alugar”, explica Mouriño.

Os prezos, en calquera caso, chegan a doblarse para familiar que necesitan 3 habitacións, ou que buscan unha zona con luz. Non hai que ir á “milla de ouro” (a zona do paseo marítimo os alugueres superan os 1.200€, non só nos edificios máis novos, cheos de cristaleiras e ocupados habitualmente por xogadores do Dépor ou directivos de grandes multinacionais) para atopar lofts en baixos (cada vez máis habitual a reforma de baixos e vivendas) de 50m2 a prezos que superan os 600€/mes. Ubaldo Cerqueiro/ A Coruña

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta