Historia dunha traizón

Vimos asistindo durante estes dous últimos anos, a unha surrealista batalla política en torno á defensa de Caixanova primeiro, e de NGB despois, sempre baixo a sacrosanta escusa de que tíñamos que defender á única entidade galega, social, próxima, e así ate un longo etc.

Por Xoan V. Mao | Vigo | 29/10/2013

Comparte esta noticia
Aínda hoxe vemos nos xornais a dous dirixentes empresariais cun antigo membro do equipo de dirección de Caixanova, hoxe director xeral da NGB, pedindo o apoio para a devandita entidade. A un dos dous dirixentes non lle queda outra que ter a boca pechada e achantar. O do outro, por quen sinto un sincero afecto, é de unha inxenuidade atroz.
 
Pero todo isto é  mentira. Unha gran e dramática mentira construída sobre a base da ambición política, a deslealdade social e as débedas e favores documentados en caixóns da entidade, que poderían converterse en instrumentos de extorsión mediática, en guerras que aínda están por chegar.
 
Non nos enganemos. E sobre todo non nos deixemos enganar: a entidade para a que agora se nos pide apoio e comprensión é a mesma que enganou a centos de persoas vendéndolles produto de alto risco que non comprendían. A mesma que colocou hipotecas con chan a persoas que non sabían o que era outro chan distinto do que pisaban. Pero houbo mais “fazañas” que aínda non se coñecen. Todo iso aproveitando a confianza que tiñan na entidade o que fai, aínda, máis deprezable a súa traizón; todo elo mentres se premiaba o servilismo e a complicidade con créditos a interese cero, e outras prevendas. Non o digo eu. O di o xornal Expansión: Na lista de beneficiarios das indemnizacións das Caixas, que publicou hai uns meses, o numero un a nivel español, en termos de beneficios, non era Rato, nin Blesa, nin Gayoso, nin Méndez. Era un dirixente económico vigués membro do Consello. E así, a devandita entidade converteuse nunha sorte de Robin Hood invertido, que roubaba aos probes para darllo aos ricos.
 
E qué foi dos que urdiron tan desprezable trama só polo seu egoísmo, pola súa cobiza e pola súa falla de ética e moral. Porque non se crerá ninguén que toda esta trama foi responsabilidade única de Gayoso ou de Pego, que ó parecer son os únicos malos desta película. Onde estaban a meirande parte dos actuais dirixentes de NGB cando todo isto sucedía ¿Non naceran? ¿Traballaban nun circo, ou simplemente vivían na China? Por citar un exemplo, un dos mandos da extinta Caixagalicia que máis premía e AMEAZABA ós directores de sucursal para que venderan preferentes cando eles xa lle avisaban da pouca fiabilidade do produto foi, ate o verán, dirixente territorial de NGB. Non me consta que o despediran nestes últimos meses. Comparen a relación dos dirixentes e mandos intermedios de Caixanova ou Caixagalicia menores de 55 anos, coa dos actuais mandos de NGB. Vanse sorprender da elevada coincidencia. Ou non… que diría Mariano.
 
Porque ningún deles, repito, ningún dos que tiveron responsabilidades no engano e no desastre que agora pagamos todos, foron responsabilizados, xulgados, nin apartados. Seguen todos en direccións e xefaturas de NGB, cobrando soldos indignantes, a costa do erario publico do que se nutre o FROB que lles rescatou, e protexéndose entre eles, mentres deseñan un plano para despedir ós traballadores das oficinas, os únicos que mantiveron a credibilidade da entidade e que nunca traizoaron, nin enganaron a ninguén.
 
E agora fálase de que é un éxito recuperar 1000 millóns de euros, dos mais de 4000 que o estado, ou sexa, todos, aportamos ó seu rescate. Un éxito perder mais de ¡3000! millóns de euros en rescatar a unha panda de golfos que continúan na ponte do barco que afundiron. Polo menos en Italia o capitán do Costa Cruceros foi xulgado a pesares de que tiña unha escusa mellor, e máis guapa.
 
Quén lles debe favores e, sobre todo, qué tipo de favores, para que se formule premiar con diñeiro publico a súa pésima xestión, e tapar o burato que crearon cos seus gastos indignos e indignantes ,tamén logo do rescate. Diñeiro que se detraerá dos soldos dos funcionarios, dos programas sociais, das bolsas dos estudantes, da creación de emprego, roubando, digámosllo claramente, por terceira vez, nun incrible exercicio de sadismo e humillación.
 
Porque o máis incríble é que os fondos públicos estean a financiar os salarios excesivos de sinvergoñas coa escusa de rescatar o sistema financeiro para que flua o crédito. O que é outra mentira como sabe todo o que foi a pedir un crédito. É isto ó que chamamos democracia. Isto é a vontade dos electores. En qué programa electoral se recollía esta medida. Porque de dúas, unha: ou estaba no programa, e todos os que votamos somos “gilipollas”, ou estamos ante un colosal fraude político que encubre un abuso corrupto. Fraude no que están todos implicados, non vaia a ser que agora os que a mataron, voten a culpa ós que están a enterrar.
 
Por iso quero deixalo moi claro: Non me pidan o apoio para NGB, nin a capitalicen cos meus impostos. Xa me chega con ser un deses “gilipollas” que paga os seus impostos porque cre no Estado, na educación ou na sanidade pública. Impostos cos que se mantén a dignitarios do Estado, cuxos familiares saquean o mesmo Estado que os manteñen. Así que, xa que teño que convivir coa indignidade, alomenos non a financien no meu nome. Porque se así o fixeran seica chegaría a hora de opoñer os mecanismos do Estado de Dereito a tanto abuso. Que os hai, aínda que non o saibamos e, por iso, nunca os utilicemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA