Baixan os casos de covid pero hai un leve aumento da presión hospitalaria

Os hospitais rexistran 176 ingresados, ao sumar unha persoa en UCI e dúas en planta.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 17/05/2021 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A presión hospitalaria derivada da pandemia da covid-19 rexistra este luns unha leve repunta, cun total de 176 persoas ingresadas co virus, o que supón tres máis respecto ao día anterior, cando se cumpriu a primeira semana desde a finalización do estado de alarma, e a consecuente caída do peche perimetral e o toque de queda en toda Galicia.

No entanto, de acordo coas cifras publicadas este luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 do domingo, os casos activos xa encadean cinco días de caída e sitúanse en 2.789 --43 menos que no día anterior--, o que significa que as altas superan aos novos diagnósticos de coronavirus. Mentres, detectáronse 107 novos contaxios nas últimas 24 horas, fronte aos 126 do día anterior.

En canto á presión hospitalaria, os datos das últimas horas apuntan que as cifras se incrementaron lixeiramente tanto nos hospitalizados en planta, que son 139 --1 máis que no día anterior--; como nas unidades de coidados intensivos, nas que hai 37 pacientes --dous máis--.

Por áreas sanitarias, o número de hospitalizados descendeu en Vigo, con 49 ingresados (-1), ao subir nun os pacientes en planta; na Coruña-Cee, con 44 hospitalizados (-2), onde hai 9 en coidados intensivos (+1) e 35 en planta (-3); e en Ferrol, con 5 hospitalizados (-1), tras aumentar os pacientes en UCI (+1) e baixar os hospitalizados (-2).

No lado oposto sitúanse as áreas de Santiago-Barbanza, que contabiliza 23 ingresados con covid (+3), con tres pacientes máis en planta; Pontevedra-O Salnés, con 27 hospitalizados (+2), onde se manteñen os pacientes en UCI; e Ourense, con 16 ingresados (+2), onde o aumento foi en pacientes en planta. Pola súa banda, a área de Lugo-A Mariña-Monforte, mantense por terceiro día consecutivo sen cambios, con 10 hospitalizados.

CASOS ACTIVOS: Á BAIXA

No relativo aos casos activos da enfermidade, descenderon por quinto día consecutivo, de forma que este luns sitúanse nun total de 2.789, o que supón 43 menos que no día anterior. Esta baixada replicouse en practicamente todas as áreas sanitarias. Tan só aumentou na área de Ourense-Verín-O Barco, ata os 223 pacientes (+12), mentres que a de Ferrol mantense sen cambios, con 87.

En cambio, as cifras descenderon nas áreas de Pontevedra-O Salnés, ata os 426 (-26); en Vigo, a 828 (-21); en Santiago-Barbanza, a 424 (-4); na da Coruña-Cee, a 626 (-2); e en Lugo-A Mariña-Monforte, ata os 175 casos activos (-2).

MENOS CONTAXIOS

Así mesmo, en toda Galicia detectáronse nas últimas 24 horas 107 novos contaxios de covid-19 a través de calquera tipo de probas --99 destes casos confirmáronse cunha PCR--. Esta cifra, que é a máis baixa dos últimos 8 días e implica un descenso de 19 con respecto á xornada previa.

Do total das infeccións rexistradas, a área sanitaria A Coruña suma 28 novas, seguido de Vigo, con 23. Por detrás sitúase Santiago, que notificou 22, a de Ourense 19, Pontevedra 10 e Lugo 5. Mentres, Ferrol non notificou ningún cambio.

Desta maneira, os contaxiados de covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galicia elévanse a 124.940, dos que 30.113 corresponden á área da Coruña; 24.455 á de Vigo; 19.615 á de Santiago; 15.564 á de Ourense; 14.036 á de Pontevedra; 12.638 á de Lugo; e 8.519 á de Ferrol.

PCR E POSITIVIDADE

Desde o inicio da pandemia, Galicia realizou 2.174.358 PCR, o que supón que nas últimas 24 horas fixéronse 6.359 probas. Pola súa banda, a taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados-- experimentou un importante descenso, ata o 1,69 % e segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que a Comunidade galega excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Cola en cribado de coronavirus realizado en Santiago o 24 de outubro de 2020
Cola en cribado de coronavirus realizado en Santiago o 24 de outubro de 2020 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta