O incendio no que morreu unha muller na Coruña puido deberse á combustión nunha manta eléctrica

Tamén resultou ferido un home.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

O incendio no que unha muller de 66 anos faleceu na madrugada deste mércores na Coruña puido deberse á combustión nunha manta eléctrica, segundo informou a alcaldesa, Inés Rei, a preguntas dos xornalistas sobre este suceso e á espera de ter o informe definitivo.

Coincidindo coa súa comparecencia para informar os asuntos tratados na Xunta de Goberno, a rexedora trasladou o "sentido pésame" do goberno municipal á familia ante o que cualificou como unha "desgraciada morte".

En canto ao suceso, explicou que se desprazaron cinco unidades dos Bombeiros e que dous dos seus membros entraron no interior do piso sacando á muller ao exterior. En canto ao lume que afectou á vivenda, indicou que se controlou pola fachada.

"As causas están a investigarse, pero parece que puido ser provocado pola combustión dunha manta eléctrica", sinalou en relación a un suceso no que tamén se viu afectado o fillo da muller, de 34 anos, que foi trasladado ao complexo hospitalario da Coruña.

Varios camións de bombeiros desprazáronse a un edificio. POLICÍA LOCAL
Varios camións de bombeiros desprazáronse a un edificio. POLICÍA LOCAL


O SUCESO

Segundo informou o 112 Galicia, poucos minutos despois das 2,00 horas deste mércores varios veciños da rúa Javier Fonte puxéronse en contacto co servizo de emerxencias para informar de que vían saír chamas dun edificio no que crían que había persoas dentro.

Por iso, de inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia mobilizaron aos Bombeiros da Coruña, aos servizos médicos, á Policía Local e a Protección Civil.

Unha vez no lugar, a patrulla da Policía Local e a dotación de bombeiros desprazada confirmáronlle ao 112 que o lume xa estaba sufocado e que no interior da vivenda había unha persoa falecida. Ademais, engadiron que, por precaución, o edificio tivo que ser desaloxado durante unhas horas.

Finalmente, o equipo sanitario tamén informou ao CIAE-112 de que fixeron o traslado dunha persoa. En concreto, o 061 enviou ao lugar unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e outra de soporte vital básico para atender a dous pacientes.

Por unha banda, indicaron fontes do 061, o home J.I.A., de 34 anos, foi trasladado ao Hospital A Coruña, mentres que o persoal sanitario confirmou o falecemento no punto da muller M.A.L., de 66 anos de idade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta