O PSOE, en contra do modelo eólico de "barra libre" da Xunta

Aposta por un modelo "respectuoso" co medio ambiente e co sector primario e que deixe "retorno" nas zonas nas que se asente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O PSdeG reclamou á Xunta un cambio de rumbo no modelo autonómico para o desenvolvemento do sector eólico que se sitúe a medio camiño entre a "oposición total" aos proxectos e o "descontrol" e a "barra libre" que, para os socialistas, a Administración concede ás compañías promotoras de parques eólicos.

Este venres, os deputados socialistas na Cámara autonómica Pablo Arangüena e Martín Seco presentaron en rolda de prensa a iniciativa que levarán ao próximo pleno do Parlamento, onde o modelo eólico da Xunta estará a debate ao figurar na orde do día varias iniciativas sobre o asunto.

Os parlamentarios socialistas puxeron o acento no "boom" de proxectos eólicos que se está dando en Galicia e que, para o PSdeG, representan "unha boa oportunidade" para a comunidade sempre que se aposte por un modelo "respectuoso" co medio ambiente e o sector primario e que estas actividades deixen "retorno" nas zonas onde se asintan os parques.

Así, o Grupo Socialista reivindica unha concepción do desenvolvemento do potencial de enerxía eólica "nun termo medio entre a barra libre e os que se opoñen a todo", polo que consideran que a Xunta e o seu máximo responsable na área económica, o vicepresidente Francisco Conde, deben "acordar" un novo modelo.

E é que Martín Seco sinalou a existencia dun aumento das mobilizacións sociais contra os proxectos eólicos como síntoma da "errónea" formulación articulada desde a Administración central nun momento de "proliferación" dos parques. "A Xunta debe deixar de estar á defensiva", aseverou o deputado, que censurou a existencia de "proxectos sen viabilidade" que presentan unha "grave afección" a núcleos de poboación e ao patrimonio natural.

PROPOSTA SOCIALISTA

Así as cousas, a proposta que o Grupo Socialista levará ao próximo pleno expón, entre outras cuestións, a introdución de melloras nas rendas que perciben os propietarios de terras ou a creación dun fondo de información pública que recolla os prezos alcanzados noutros lugares para que isto sexa de utilidade nas negociacións cos promotores de parques.

Ademais, o PSOE tamén pon sobre a mesa unha serie de cambios no marco regulador, como elevar os mecanismos de protección e endurecer as declaracións de utilidade pública dos proxectos para que, por exemplo, non teñan "prevalencia" de forma "xenérica" aos montes comunais. "Non pedimos cousas estrañas nin difíciles de adaptar, son carencias que foron xurdindo co tempo e que o goberno debería de ter en conta", incidiu Seco.

EÓLICA MARIÑA

Por outra banda, cuestionados sobre a implantación de proxectos de eólica mariña, Pablo Arangüena declarou que a postura do Partido Socialista é que prevalezan "os dereitos dos pescadores" e a protección ambiental, sen que isto supoña pechar a porta a iniciativas de parques 'offshore'.

Pablo Arangüena e Martín Seco, deputados do PSdeG, nunha rolda de prensa
Pablo Arangüena e Martín Seco, deputados do PSdeG, nunha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta