Santiago estrea a primeira estación intermodal de Galicia

Feijóo di que se trata dunha das dúas "cartas de presentación" da capital galeg, xunto co aeroporto, de cara ao "mellor Xacobeo da historia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2021 | Actualizada ás 15:34

Comparte esta noticia

A primeira estación intermodal de Galicia quedou oficialmente inaugurada este sábado coa posta en marcha da nova terminal de autobuses. Un proxecto dirixido pola Xunta e cuxo presidente, Alberto Núñez Feijóo, definiu como unha das dúas "cartas de presentación" da capital galega --xunto co aeroporto-- de cara ao "mellor Xacobeo da historia".

Inauguración da estación intermodal de autobuses de Santiago
Inauguración da estación intermodal de autobuses de Santiago | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS - Europa Press.

En concreto, o mandatario autonómico foi o encargado de entregar formalmente estas instalacións ao Concello nun acto no que participaron tamén a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, entre as decenas de asistentes que realizaron un percorrido polas estancias da terminal.

E é que este mesmo sábado, ao redor das seis da mañá, entrou en funcionamento a parte do complexo dedicada aos autocares e que antes se situaba en San Caetano. Este antigo emprazamento, aberto ata este mesmo venres, servirá para ampliar o complexo de oficinas centrais da Xunta e así "diminuír os custos" dos distintos edificios da Administración autonómica que están "dispersos por Santiago", tal e como explicou Feijóo.

Durante a súa intervención despois do percorrido, o presidente galego destacou que a nova estación facilitará a intermodalidade no transporte de "millóns de persoas", que cando cheguen observarán como son recibidas "con infraestruturas que vertebran Galicia, esa cidade única que entre todos estamos a construír".

"Hoxe Santiago é unha cidade mellor, unha cidade máis conectada, unha cidade máis capital", asegurou Feijóo, sen pasar por alto que esta terminal se sitúa a "uns miutos da Catedral de occidente". "É, sen dúbida, un soño para todos os composteláns e para todos os galegos", manifestou.

"UN CAMBIO RADICAL A MELLOR"

A estación de autobuses, que agora está conectada a escasos minutos coa de tren a través dunha pasarela, supuxo un desembolso autonómico de 14,5 millóns de euros, "o 80 por cento do investimento" --reivindicou o presidente--, aos que se suma o custo asumido por ADIF e o Concello para cofinanciar os accesos e a pasarela.

Todo iso para poder acometer en Santiago "un cambio radical a mellor que non ten volta atrás". "Que nos vai a pór en termos de competitividade con outras cidades de España que, lamentablemente, aínda non conseguimos", afirmou Feijóo.

A este proxecto sumou a finalización "en próximos meses" da Cidade da Cultura --co fin das obras do Edificio Fontán--, a posta en marcha do complexo turístico do Monte do Gozo e o acondicionamento dos camiños de Santiago como a folla de ruta para preparar un Ano Santo 2021-2022 que "comeza nas próximas semanas con aperturas" e con "actividades culturais masivas".

Non en balde, puxo o foco nos "novos desafíos" que debe afrontar a intermodal de Santiago no futuro próximo, como a "coordinación racional de horarios" entre os autobuses e os trens e que estes sexan "competitivos", ademais da importancia de pór en servizo a conexión de alta velocidade ferroviaria á meseta.

O AVE EN GALICIA, "ESTE ANO"

Neste sentido, a propia presidenta de ADIF reafirmouse durante a súa intervención en que "este ano", a pesar da situación de pandemia, "materializarase" a chegada e posta en funcionamento do AVE en Galicia.

É máis, Pardo de Vera reiterou o compromiso alcanzado xa polo ministro de Transportes, José Luís Ábalos, nunha recente visita a Santiago, mentres que confirmou á Xunta a próxima aprobación en Consello de Ministros da adxudicación das obras para remodelar a estación de tren, por un orzamento de 33,5 millóns de euros.

AS INTERMODAIS NAS CIDADES APUNTAN A 2024

Feijóo tamén lembrou que a Xunta prosegue cos proxectos de intermodalidade nas seis cidades galegas restantes, co obxectivo de "a finais do ano 2024" ter finalizadas todas as estacións "ou polo menos a piques de finalizar algunhas delas".

Por iso, apelou tamén á necesidade de facer "unha análise seria, rigorosa e apriorística sobre a evolución do transporte aeroportuario" unha vez todas elas sexan unha realidade.

Feijóo tamén aproveitou a presenza de representantes de distintas administracións para subliñar que a nova intermodal é froito dunha "colaboración institucional intelixente" entre Estado, Xunta e Concello.

"Insisto na cooperación. Non hai outra forma, non hai outro modelo. A centralidade na política é a política útil, o rupturismo é a política inútil. E por iso a centralidade é a que vai construíndo país e que construíu España no último medio século", abordou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta