Eles tamén serviron

Despois do falecemento do insigne escritor gaditano José Manuel Caballero Bonald aos 94 anos, vén á mente un apartado da excelente revista musical británica chamada MOJO.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 29/05/2021

Comparte esta noticia
En páxinas finais, inclúe unha sección necrolóxica na cal se rende unha homenaxe aos músicos que nos van deixando. Despois de tratar de modo extenso aos máis coñecidos - neste mes de maio de 2021 un deles é Bunny Wailer – un recadro menciona a figuras menos famosas pero moi importantes para os seguidores de cada formación.
 
En vida, de que maneira son recoñecidas as persoas no mundo cultural? Algunhas, como é o caso de Bob Dylan – que por certo case nin saúda ao público nos seus concertos – semellan recibir máis eloxios e premios do que un ser humano pode soportar. En cambio, con frecuencia podemos encontrar a tráxica frase “morreu na pobreza e no esquecemento” referida a artistas como Vincent Van Gogh ou José María Gironella.
 
Xa avisaba Sting en 1981 que vivimos nunha era caracterizada por un exceso de información. Pero este exceso ás veces pasa a ser unha carencia, unha falta de contacto real. Como sabía Rosalía de Castro polo seu contraste con Emilia Pardo Bazán, non sempre é a xente máis famosa en vida a máis valiosa. 
 
Cada persoa ten os seus artistas preferidos. Os patróns e as coincidencias marcan os gustos. Moitos botarán de menos a rutilantes figuras como Elvis Presley, Aretha Franklin, Jim Morrison, David Bowie, Jimi Hendrix, Freddie Mercury, Michael Jackson ou Prince. Eu sentinme máis próximo a, entre outros, Joe Strummer, John Lennon, Jesús de la Rosa, Pete de Freitas, Joey Ramone, Tony Urbano, Bob Marley, Robin e Maurice Gibb, Tom Petty, George Harrison, George Michael, Cesária Évora, Charles Aznavour, Eddie Van Halen, Rutger Gunnarson ou, en especial, Stuart Adamson. 
 
En todo caso, quero con permiso mencionar a aquelas celebridades que foron parte da miña vida e xa non poderei ver máis. Son amigos como o teólogo Xosé Chao Rego e o escritor Manuel Dourado Deira. Tamén boto de menos a estrelas coas cales falei brevemente: Iris Murdoch, Camilo José Cela e José Saramago. Con algúns soamente intercambiei uns segundos de palabras, e arrepíntome de que non foran máis: Derek Walcott, Antonio Vega, Carlos Casares, Isaac Díaz Pardo, Manuel María, Jenaro Marinhas del Valle, Pura Vázquez, Narf ou Luis Ordóñez Gonçalves.
 
Hai creadores que non vin en persoa pero que probablemente me fascinarán cando por fin me atreva a entrar a fondo nas súas esixentes obras: José Ángel Valente, Eusebio Lorenzo Baleirón ou Antón Tovar. 
 
Por certo que, a pesar de gustar das biografías, observo un temor latente a que se revelen horrores. Por dar un exemplo, imaxinemos que de súpeto encontran que o actor favorito do meu pai, o gran James Stewart, era unha malísima persoa. Non é probable, pero hai moita xente que decepciona.
 
Aínda que talvez decepcionasen nalgunha ocasión (como facemos todos), tamén se botan de menos os parentes, amigos e coñecidos da familia que faleceron. Na miña infancia e xuventude, había unha certa cultura das visitas, que eran bonitas e entrañables, marcadamente na emigración.
 
Sen seren tampouco famosos, son importantes as mulleres e os homes que nos educaron, que parecían inmortais porque éramos pequenos e porque non os vimos entrar en anos. Un recordo, pola miña parte, a profesores amados como Don Manuel Martínez, Dona Raquel Ramírez, Mr. William A. Persichetty, Mr. Larry Chamales, Mr. Seymour Eychel, Dr. Nis A. Petersen e Fr. Stephen M. Kilcarr.      
 
Para concluír pido perdón, lectora ou lector, por este artigo tan desordenado, máis pendente do sentimento que do pensamento. Queda por aclarar que a sección mencionada da revista MOJO chámase “They also served”, eles tamén serviron, unha referencia con connotacións militares, pero que se aplica nesa publicación aos que serviron á Humanidade, aportando pracer, emoción, iluminación e beleza.

Javier Gómez Noya tocando a guitarra
Javier Gómez Noya tocando a guitarra | Fonte: Diario del triatlón
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".