Enfermeiras eventuais: precarias e estresadas

Unha enquisa revela que "as enfermeiras contratadas temporalmente e con pouca antigüidade mostran altos niveis de fatiga emocional, despersonalización e falta de realización persoal”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As enfermeiras eventuais levan anos esixindo melloras nas súas condicións laborais, fartas da precariedade e da inestabilidade e incertezas nas que traballan. Segundo a 'Enquisa da Enfermaría galega precaria', realizada polo colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, a media de contratos asinados nun ano é de 24 por persoa, pero chega a haber profesionais que superaron os 300. Segundo o informe —realizado entre o 11 de marzo e o 16 de maio de 2019 con 735 enquisas válidas—, o 89 por cento das enquisadas "considérase en situación de precariedade laboral", mentres que "só un 2,2% opina non ter un traballo precario".

'OPE Negra' das enfermeiras nas oposicións en Silleda en 2019
'OPE Negra' das enfermeiras nas oposicións en Silleda en 2019 | Fonte: Enfermeiras Eventuais en Loita.

Agora, unha nova enquisa realizada por expertos de varias institucións académicas e sanitarias revela que “as enfermeiras contratadas temporalmente e con pouca antigüidade mostran altos niveis de fatiga emocional, despersonalización e falta de realización persoal”. Isto coñécese como síndrome de burnout (síndrome do traballador queimado), recoñecido pola Organización Mundial da Saúde como enfermidade laboral desde o ano 2019.

A enquisa realizouse a 187 enfermeiras e 41 enfermeiros (228, en total) das provincias da Coruña, Murcia e Lleida, “mostrando unha poboación descontenta con poucos anos de experiencia laboral”, destacan os responsables do estudo.

“Os resultados suxiren que as enfermeiras poden sufrir problemas psicolóxicos, como estrés e ansiedade”, conclúen os autores desta investigación.

O estudo salienta que as peores valoracións destas profesionais están relacionadas coa avaliación de servizos e coa promoción e supervisión.

Tamén constatan, como noutros estudos, a exitencia dunha “fatiga emocional” nas enfermeiras. Tendo en conta a súa situación laboral, observaron que as enfermeiras cun contrato temporal presentan “altas taxas de burnout, mesmo en profesionais que só traballaron no mesmo departamento durante un ano ou menos”, detallan.

O estudo tamén salienta que “as enfermeiras que traballaban en quendas rotativas teñen un risco de burnout 1,5 veces maior que as que traballaban en quendas fixas”.

Os autores recordan que “o desgaste emocional e a despersonalización están asociados a maiores taxas de abandono laboral”, mentres que “o apoio social recibido de supervisores e colegas considéranse factores de protección”.

MIGRACIÓN E CONTRATOS PRECARIOS

Neste estudo, atoparon “altas porcentaxes de esgotamento emocional, despersonalización e insatisfacción coa supervisión”, o que para estes expertos “podería significar unha perda de profesionais ben formados que intensificaría a falta de profesionais sanitarios en España”.

Neste sentido, destacan que “aproximadamente o 40% das participantes” nesta enquisa “migraran ou tiñan intención de emigrar a outra autonomía ou país”.

Un dato relevante é que o 45,61 % das participantes na enquisa tiña máis de dous contratos á vez. Ademais, o 42,98% das enquisadas tiveron quendas de traballo rotativas e máis da metade das enfermeiras (62,73%) traballaron menos de 10 anos na mesma empresa ou hospital.

Os autores sinalan “ás condicións de traballo precarias” e “a crise económica” como causantes do “aumento do fluxo migratorio de profesionais de enfermaría”, o que está a “provocar unha importante falta de enfermeiros nas institucións sanitarias, o que podería traducirse nun aumento da morbilidade e mortalidade dos pacientes”,advirten.

Para estes expertos, “esta situación debería alertar ás autoridades e xestores sanitarios para garantir a seguridade e calidade da atención aos pacientes”, engaden os autores do estudo.

O estudo está asinado por investigadores do do Hospital Clínico de Santiago de Compostela e das universidades de Murcia e Lleida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta