Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2021 | Actualizada ás 09:25
A ampliación da autovía AG-59 entre Teo e A Estrada vén de xerar, nos últimos meses, un forte rexeitamento da man das principais asociacións ecoloxistas galegas; que, varios meses despois de ter presentado alegacións ante a Xunta para tentar botar atrás o proxecto, séguense a mobilizar contra el a conta dos perigos que, segundo apuntan, supoñería esta nova infraestrutura para os hábitats e especies da zona.
A problemática desta AG-59 proxectada para unir a área de Santiago coa Estrada viría dada porque o trazado disposto implicaría construír sobre o espazo natural Sistema Fluvial Ulla-Deza, que segundo teñen apuntado plataformas como ADEGA é Zona de Especial Conservación. Esta asociación, de feito, xa presentou no pasado mes de xaneiro alegacións a un proxecto que podería supoñer risco de desaparición para as especies da área.
A regulación galega obriga a que, á hora de desenvolver unha infraestrutura desta natureza, o informe de impacto ambiental elaborado teña en conta todas as posibles afectacións derivadas do proxecto. A problemática estaría en que, como xa denunciou tamén ADEGA, os estudos elaborados para este proxecto deixarían no tinteiro un bo número de especies animais na contorna, circunstancia que podería levar á súa suspensión.
PROXECTO "INNECESARIO"
Na mesma liña se vén de manifestar Ecoloxistas en Acción, que asegura que a ampliación da autovía AG-59 “contribuirá á crise climática e deteriorará o espazo natural Sistema Fluvial Ulla-Deza”. Ecoloxistas en Acción, que forma parte da plataforma Stop ampliación AG-59, oponse á construción deste novo treito de 7,5 por consideralo “prexudicial para o clima e o territorio” pero tamén “innecesario”.
E é que, segundo apuntan dende a mesma plataforma, o tráfico na estrada convencional correspondente “non chega nin ao limiar marcado pola propia Xunta” para iniciar a apertura de vías alternativas, polo que, explican dende Ecoloxistas, á parte do seu impacto ecolóxico “suporía un malgasto de 48 millóns de euros en plena emerxencia sanitaria”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.