A Valedora do Pobo xa investiga os "abusos" das eólicas, segundo Adega

A plataforma ecoloxista vén de demandar axuda á institución ante as normas da Xunta que dan "facilidades" ás empresas e dificultan o control da cidadanía, segundo sosteñen.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Primeiro son as rúas, e despois veñen os despachos. O estalido da mobilización eólica que deu comezo o pasado sábado 5 coa multitudinaria manifestación desenvolta en Santiago de Compostela comeza a permear os muros das institucións. Na mesma xornada en que o Parlamento Galego volverá debater sobre o modelo eólico amparado pola Xunta, as demandas berradas na capital galega o pasado día 5 veñen de chegar á Valedora do Pobo.

Parque eólico de Vestas en South Plains (Texas, Estados Unidos). VESTAS - Archivo
Parque eólico de Vestas en South Plains (Texas, Estados Unidos). VESTAS - Archivo

A interlocución foi desenvolta pola plataforma Adega, que segundo apunta mantivo unha xornada de traballo coa Valedora para reclamarlle “amparo” fronte a un espallamento de proxectos eólicos que vén de ser tratada de “invasión”, “avalancha” e “enxurrada”. O encontro coa Valedora, precisamente, foi desenvolto en nome dos colectivos e plataformas congregados o pasado día 5 en Compostela.

O obxectivo de Adega pasa por denunciar a situación de “indefensión” na que, aos ollos da plataforma, se atopa a veciñanza galega debida a unha planificación eólica que censuran de “caduca e irracional”. A asociación critica, en particular, as sucesivas vagas de flexibilización acometidas pola Xunta de Galicia; atinxindo en particular á chamada ‘Lei de Depredación’ impulsada polo executivo popular en 2017 e a continuación aprobada en febreiro deste mesmo ano. 

"FACILIDADES" PARA AS EMPRESAS

Esta planificación eólica “irracional e depredadora do ambiente” é, a ollos de Adega, a orixe de que neste momento se estean a tramitar “máis de 130 parques eólicos en Galiza que engadirán outros 10.000 MW a un territorio” que, segundo cifran dende a plataforma, “xa exporta un terzo da electricidade que produce”.

“As transformacións e afeccións que estas instalacións están a provocar no territorio (paisaxe, auga, biodiversidade, etc.) e sobre os seus habitantes (ruído, interferenzas, expropiacións e servidumes, etc.) non teñen sido suficientemente avaliadas”, engaden. Neste aspecto, critican as regulacións impulsadas polos gobernos de Feijóo porque “facilitan cada vez máis ás empresas o desenvolvemento dos seus proxectos, en detrimento da participación pública e dos dereitos e intereses das comunidades afectadas”.

Adega apunta que a Valedora xa ten aberta unha investigación de oficio á raíz de denuncias da veciñanza polos “abusos” das eólicas (distancias ás casas, perdas agrogandeiras, expropiacións...). “A equipa da Valedora acolleu con interese e preocupación as demandas de ADEGA e confirmou a admisión a trámite da nosa  queixa e a súa vontade de analizar a situación actual, por se esta impide facer efectivos os dereitos á protección do medio ambiente, participación cidadá e información pública”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta