(Vídeo) As medalleiras en Santiago, un oficio en perigo porque "non son estéticas" para a imaxe da cidade

Galicia Confidencial conta a historia destas mulleres que adoitan colocar os seus postos de venda na praza do Obradoiro e na Quintana dende mediados do século XX e que poden perder o seu traballo por unha insólita normativa. A medida tomada polo concello causou sorpresa e incredulidade entre o colectivo, que se leva manifestando diante do concello dende o 16 de xuño en busca dunha solución.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Reportaxe de Calota Feijóo e Patricia Otero

Medalleira en Santiago de Compostela
Medalleira en Santiago de Compostela | Fonte: Cedida

Dende o pasado mércores 16 as medalleiras de Santiago de Compostela reúnense cada mañá na prazo do Obradoiro para protestar contra a nova autorización de postos de venda por parte do Concello, que denegou esa autorización ás coñecidas como “medalleiras”. 12 mulleres, algunhas de avanzada idade, colocábanse tradicionalmente no Obradoiro e na Praza da Quintana, postos que ían rotando. Esta actividade remóntase ao ano 1945 e trátase dun negocio familiar, pois a meirande parte delas herdaron ese posto das súas nais e avoas.

A pesar do seu carácter histórico, o concello de Santiago vén de denegar as autorización polas cales as medalleiras poden estar nas inmediacións da Catedral, alegando problemas de estética, o que causou sorpresas entre o colectivo, cuxa actividade se regularizou primeiro do 1965 e máis recente no 2013 coa entra en vigor do Regulamento de venta ambulante. “Coa regularización consolidouselles o emplazamento no lugar que viñan desenvolvendo á actividade no lugar máis carismático e histórico que é a contorna da Praza do Obradoiro, a Praza da Quintana, o arco e o inicio da avenida Juan XXIII. Dende entón elas o que facían eran solicitudes que se renovaban automáticamente como declaracións responsables”, explica o avogado do colectivo, Ramón García Ameal. 

Os problemas polos cales non se renova a autorización son relacionados coa estética e a ubicación, algo que tanto as medalleiras como os seus representantes non entenden, pois no 2013, cando os postos foron regularizados, a comisión Asesora do patrimonio histórico non obxectou sobre o impacto estético que podían ter as vendedoras sobre o entorno da Catedral. A medalleira Elvira Vence apunta como noutras ocasións se estableceu diálogo con elas para modificar algúns produtos máis chamativos ou eliminar outros, ao que se foron adaptando. “Non sei que estética rompemos se os nosos postos son todos de madeira, ao igual que as cadeiras e os bastóns. Se se trata de estética e hai obxectos moi chamativos, sácanse e punto”, apunta a vendedora.

Ademais, García Ameal expón que non se produciu ningún cambio substancial dende o 2013 que xustifique este cambio. A situación é exactamente a mesma. Se en 2013, cando se regularizou a situación non supoñía ningún problema estético nin degradaba nin banalizaba a basílica, pois a basílica é a mesma, os postos son os mesmos, a afluencia de turismo é a mesma”. Ademais engade que entre as outras consideracións das medalleiras está a súa función social xa que “non só venden, pois tampouco se pode obviar que a peregrinación a Santiago ten unha compoñente relixiosa, e o que venden é imaxinario relacionado coa cristiandade”.

Protestas das medalleiras na Praza do Obradoiro
Protestas das medalleiras na Praza do Obradoiro | Fonte: Cedida

CARÁCTER HISTÓRICO

Ante a alegación do concello de que estes postos non son históricos, as medalleiras mostran incredulidade e incomprensión. “Non nos consideran históricas e non o entendemos, aquí están facendo unha amalgama que ninguén entende e históricas xa se entende só mirando as fotografías. Alí está miña nai e miña irmá María no ano 65, históricas somos porque levamos toda a vida aquí. Eu levo máis de 30 anos, que saía do Rosalía e viña axudar a facer os recados”, expón Elvira Vence.

María del Pilar Rama González é outra das medalleiras que se viu afectada pola nova normativa. Ela tampouco entende como é posible que non se lles considere históricas. María del Pilar leva traballando dende 1993, aínda que xa axudaba á súa avoa no posto con anterioridade. “A miña avoa, Benita Mato Vieiro, foi a primeira na miña familia e despois eu axudábaa. Xa seguin eu cando ela faleceu. Non entendo o porque non somos históricas”, conta.

Ademais, García Ameal destaca que mesmo o concello se contradí á hora de catalogar ás medalleiras como históricas. “O propio concello o que recoñece nalgúns informes é que son patrimonio inmaterial da cidade e que forman parte do imaxinario da zona da basílica, algo incompatible con negarlles o carácter de tradición histórica da cidade”, explica.

DIFÍCIL SITUACIÓN ECONÓMICA

Por outra banda, cabe destacar que a denegación da autorización a estas mulleres para traballar nos lugares nos que o levan facendo máis de 75 anos afecta de maneira moi acusada na súa vida persoal. Estas mulleres adoitan traballar na tempada de verán para ter ingresos durante o longo do ano. Pero, logo de estar máis dun ano paradas e sen ingresos por mor das consecuencias da pandemia, esta medida fai que moitas se encontren en verdadeira vulnerabilidade económica. 

“Levamos sen traballar dende o 19. En outubro do 19 empezou a chover moitísimo. Se chove xa non podes vir, se fai calor tamén tes que recoller porque non hai quen traballe. Viñemos o ano pasado en agosto porque había madrileños, porque en xullo non había ninguén, pero nós seguimos pagando os nosos gastos sen poder gañar nin un duro”, comenta Elvira Vence.

No caso de María del Pilar Rama González a situación é aínda máis complicada porque non puido traballar ningún día durante a pandemia por problemas de saúde. “Agora que teño as vacinas e podo saír a traballar para non ter que andar a pedir para comer fastidiame que non nos deixen traballar”, denuncia a vendedora. Os ingresos cos que conta na actualidade son unha pensión de 400€, pero deixa claro que “con catrocentos euros eu non podo pagar aluguer, casa e manter dous fillos. É imposible”. 

As medalleiras confían poder recuperar os seus postos, pero non de calquera forma. Buscan recuperar os lugares nos que levan traballando toda unha vida e que non as sitúen nun lugar onde a competencia é moito maior. “Queremos traballar, queremos que nos dean os nosos postos na praza, proque aquí non molestamos a ninguén. Tratamos de que nos dean a nosa licencia outra vez, pero non renunciando aos nosos sitios”, recalca Elvira Vence.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

A Fundación Catedral pode cobrar 10 € por visitar o Pórtico da Gloria ou 20 € por visitar o Museo da Catedral e gracias aos misterios eclesiáticos NON PAGAN IMPOSTOS NIN TAXAS!

2 Xesús Ateo Recalcitrante

O castañeiro, as medalleiras, os artistas de rúa... todos eles oficios moi ligados ás rúas de Compostela que este home, Bugallo, parece querer rematar con eles. Non sei se o que pode querer ese home gris que tantas querencias parece ter con Feijóo; ao mellor, retomar a súa sapiencia de xuventude e converter as rúas composteláns nun gran bingo, cecais para facerlle competencia ao Feijóo no seu querer polos casinos.

1 galego exiliado

Xa se sabe, os progres tan pronto tocan poder e moqueta vólvense moi fisnos. Visten de Adolfo Sábado, toman viños caros, van a comedeiros de cinco visas e tiran de carro oficial, a ser posible con escolta, mais que nada pa fardar, e moléstalles ver dende as ventás dos seus despachos a clase traballadora. Si polo menos foran disfrazadas de galegas ou de perejrinas podería pasar e non daría "mala imagen". Boa imaxe dana esos turistas medio espidos tumbados no Obradoiro, perroflatas polas ruas, e as bicletas polas ruas, o Franco e o Obradoiro. Ou os pobres pidindo esmola, polos que nos fan nada, sendo como din ser de esquerdas. Nuevos ricos na política, eche o que hai.