Por GC Tendencias | Pontevedra | 27/11/2013 | Actualizada ás 17:28
Xa nos tardaba que as novelas gañadoras do Premio Repsol e o García Barros chegaran as nosas mans mais aquí as temos, xusto para o inicio da Feira. O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila e A lúa da colleita de Anxos Sumai son dúas das novidades editoriais que chegarán á feira da man das súas autoras, dispostas a contalo todo nas conversas do Espazo Libro.
A realidade imponse con tal forza para que boa parte dos personaxes das novidades editoriais sexan xornalistas? Poderémosllo preguntar aos autores que visitaron as noticias para escribiren as súas novelas. En Culturgal temos un bo grupo. A presenza de Marcos Calveiro con Todos somos, Francisco Castro e O corazón da Branca de Neve, Pedro Feijóo e A memoria da choiva ou Diego Ameixeiras con Matarte lentamente daranos oportunidade para nos achegar a ese camiño paralelo ao xornalismo polo que transita a nova escrita galega.
Canda eles, no programa de actividades estarán outros dos principais nomes da narrativa como Antón Riveiro Coello con Acordes naúfragos,Luís Rei Núñez con Días que non foron e Rosa Aneiros co primeiro volume da súa triloxía viaxeira, Ámote Leo.
A poesía invade tamén Culturgal. En en distintos formatos, desde o teatro á música, poesía temos en todos os espazos mais no do libro visitaranos Teresa Moure e o seu Eu violei o lobo feroz e Asun Estévez con Medrar nas mans.
O encontro da lusofonía no volume colectivo O crânio de Castelao ou relatos terroríficos cos Contos no nicho poranos nas mans unha oferta ampla e variada de rexistros literarios da que a feira dá conta nos seus distintos espazos, coa presenza de boa parte das editoriais galegas que traen aos seus stands a súa nova producción. Máis autores do programa de actividades? Eduardo Sánches Maragoto e o seu Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, Jorge Emilio Bóveda e o seu Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial ou a Manuel Loureiro coa agardada chegada a nosa lingua do éxito Apocalipse zombie.
A Historia de Galicia de Anselmo López Carreira e Vento e chuvia de Manuel Gago e Manuel Cráneo demostrarán, con rexistros vén distintos, como visitar o noso pasado levanta interés no presente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.