Novo consenso na Cámara sobre violencia machista ao saír adiante a proposta sobre acoso en Internet

A proposición de lei do PP foi admitida a trámite co apoio de todos os grupos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Os grupos do Parlamento de Galicia alcanzaron un novo consenso ao redor da violencia machista. Dous meses despois de que PP, BNG e PSdeG se uniran para sacar adiante a inclusión da violencia vicaria na lexislación galega, as formacións con presenza no Lexislativo autonómico volveron a apoiar en bloque outro avance na loita contra a violencia cara ás mulleres, neste caso, a que se exerce nos espazos dixitais como as redes sociais e Internet.

O pleno da Cámara galega aprobou, na súa sesión ordinaria arrancada este martes, a admisión a trámite do proxecto promovido polo PPdeG para que a lexislación galega sobre violencia de xenéro inclúa tamén a identificación das situacións de acoso ou violencia sobre as mulleres que se desenvolven en Internet.

Segundo explicou a deputada popular Paula Prado, encargada de defender a proposición lexislativa coa que arrincou o pleno, a proposta parte con "tres obxectivos" enfocados a facer fronte a unha nova realidade que afecta, principalmente, aos máis novos, onde conflúe a existencia dunha "maior vulnerabilidade" por cuestións de idade con certa "normalización" de certos tipos de condutas que "moitas mozas non perciben como unha violencia cara a elas".

A difusión de imaxes comprometidas, rumores e bulos ou episodios de acoso e control son algúns dos comportamentos que a modificación a Lei galega de violencia de xenéro posta sobre a mesa pretende "identificar" como primeiro paso para facerlle fronte.

A descrición deste tipo de condutas, segundo explicou Prado, é a primeira meta da proposta de lei, que tamén busca "sensibilizar" aos mozos e pór en marcha "políticas de prevención" para evitar este tipo de comportamentos que, para a deputada do PPdeG, deben ser tipificadas como delito a través dunha reforma que corresponde ao Goberno central.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia durante o acto. PARLAMENTO DE GALICIA
Hemiciclo do Parlamento de Galicia durante o acto. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

CONSENSO ENTRE OS GRUPOS

O "consenso" ao que apelou Paula Prado ao peche da súa intervención foi recollido polos grupos da oposición que, en todo caso, instaron o grupo maioritario na Cámara a que o Goberno que sustenta poña sobre a mesa mecanismos para actuar sobre as realidades descritas.

Neste sentido, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil fixo fincapé na importancia de que reverter "o foco" para "polo en quen acosa" e non sobre a vítima."Levamos moito tempo co foco posto sobre a vítima. Necesitamos interpelar aos homes como quen exercen estas violencias", aseverou.

Por parte do PSdeG, a súa deputada Noa Díaz deslizou unha crítica ao PP por presentar esta modificación lexislativa a través dun novo proxecto e non aproveitar a tramitación do texto para a inclusión da violencia vicaria no marco autonómico para o mesmo fin, algo que, segundo a parlamentaria, acurtaría os tempos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta