José Miñones agarda que Ence presente en breve os estudos de traslado da fábrica a outras áreas

Comisións Obreiras convoca unha manifestación a favor da continuidade da pasteira en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, afirmou que o Executivo acatará a resolución xudicial que adopte a Audiencia Nacional sobre os recursos contra a prórroga de 60 anos concedida a Ence polo goberno de Mariano Rajoy en 2016, pero tamén pediu que tanto a Xunta como a empresa pasteira cumpran os compromisos adquiridos.

Con iso referiuse á mesa de traballo celebrada en Madrid o pasado 21 de abril, coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira. "Hai un compromiso por parte da empresa de trasladar os estudos que se dicía que tiñan para a viabilidade do traslado noutras áreas", apuntou. A próxima semana finaliza o prazo para presentar esa documentación.

Tamén o Goberno galego comprometeuse ante a ministra a estudar a viabilidade doutros terreos para situar á factoría. "Aínda que publicamente din que non o van a facer, na mesa e diante do comité dos traballadores e da propia ministra adquiriron o compromiso", asegurou o representante do Goberno Central.

Miñones fixo estas declaracións no transcurso da visita oficial realizada este mércores ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

MANIFESTACIÓN A FAVOR

Pola súa banda, o sindicato Comisións Obreiras convocou para o próximo día 16 de xullo en Pontevedra unha manifestación a favor da continuidade da fábrica de Ence en Lourizán.

Segundo informaron este mércores en rolda de prensa, esta mobilización partirá da rúa Alexandre Bóveda e concluirá en Praza de España, onde se atopan as sedes do Concello de Pontevedra e da Subdelegación do Goberno.

A presidenta do comité de oficinas centrais de Ence, Ana Cedeira, instou a toda a cidadanía a acudir "masivamente" a esta manifestación polo "gran impacto económico e social" que suporía o peche da pasteira para a cidade.

Ana Cedeira informou que ao longo dos últimos días chegaron as citacións do Xulgado de Instrución número un de Pontevedra para que o próximo 13 de setembro presten declaración por unha suposta violación do local municipal as trece persoas que o pasado mes de marzo irromperon no despacho da Alcaldía e arremeteron e insultaron ao rexedor Miguel Anxo Fernández Lores.

Cedeira considera que a xudicialización desta protesta por parte do alcalde é "absolutamente improcedente" e que o peche no Consistorio forma parte da "tradición reivindicativa da acción sindical".

Na rolda de prensa insistiron en responsabilizar ao alcalde de Pontevedra do peche da fábrica. "Xa o fixo con Elnosa", dixo, en referencia á clorera que existía no complexo industrial de Lourizán e cuxas instalacións están a ser desmanteladas.

A biofábrica de Ence situada á beira da Ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une á cidade de Pontevedra con Marín / Europa Press.  / Europa Press
A biofábrica de Ence situada á beira da Ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une á cidade de Pontevedra con Marín / Europa Press. / Europa Press

ACTUACIÓNS "PENDENTES OU EN EXECUCIÓN"

O delegado do Goberno, José Miñones, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixeron tamén un repaso "exhaustivo" de actuacións do Goberno central "pendentes de executar ou en execución" na cidade do Lérez.

Nesta primeira reunión protocolaria que mantiveron este mércores o rexedor e o delegado do Goberno, abordaron cuestións que teñen relación directa coa Administración central e que están "pendentes de executar ou en execución".

Segundo explicou Fernández Lores, falaron dunha serie de asuntos que "desde o punto de vista municipal preocupan en Pontevedra", entre os que citou en primeiro lugar o paseo peonil a Marín, a autovía de circunvalación (A-57) e a ligazón do nó de Bombeiros que, segundo confirmou José Miñones, será licitado ao longo do presente exercicio.

Miñones asegurou que se están pechando algunhas cuestións relacionadas con permutas de parcelas e que tamén influirá neste proceso a actual negociación con Audasa sobre as bonificacións da autoestrada AP-9.

En relación ao paseo peonil a Marín, Fernández Lores explicou que se está estudando a fórmula xurídica para poder recepcionar a primeira parte da obra que xa está finalizada, para que poida ser utilizada pola cidadanía. Nesta actuación queda pendente executar o segundo tramo, para o que se está traballando nunha modificación do proxecto inicial, co obxecto de axustar os elementos de pilotaxe e de ancoraxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta