Isolina Raña, gandeira: "As mulleres somos un elo fundamental para o desenvolvemento rural"

Varias profesionais do sector vacún de todo o Estado veñen de xuntarse nunha nova Federación de gandeiras que leva por nome 'Somos Tierra'. Unha galega, Isolina Raña, ocupa o posto de vicepresidenta.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Isolina Raña é gandeira de Xesteda, en Cerceda, socia de Cooperativas Lácteas Unidas, embaixadora da Agriaxencia Acodea e fundadora do grupo 'Mulleres de Seu' para o emprendemento feminino no rural galego. Sempre comprometida coa economía social e o cooperativismo con persoas produtoras mesmo de América Latina, agora forma parte dun novo proxecto a nivel estatal que foi collendo forma durante a pandemia a golpe de videochamadas. 'Somos Tierra', que se constituiu como federación de forma oficial este mesmo mes de xullo en Asturias, está conformada por gandeiras de todo o Estado español como Lucía Velasco, Regina Monsalve, Jerónima Bonafé e Silvia Soria, ademais da propia Isolina Raña. Falamos con ela para coñecer de preto os seus obxectivos.

Mulleres integrantes de 'Somos Tierra' no acto de presentación da nova federación en Asturias
Mulleres integrantes de 'Somos Tierra' no acto de presentación da nova federación en Asturias | Fonte: remitida

Como nace este proxecto? Como vos xuntastes?

Esta federación nace na pandemia porque realizamos varios foros online onde nos empezamos a coñecer. As miñas compañeiras son todas premio de excelencia á innovación para mulleres rurais outorgado polo Ministerio de Agricultura, somos de perfís diferentes e creo que aí radica a forza deste proxecto, porque abarcamos un ámbito bastante grande. Persoalmente a moitas vinas por primeira vez o pasado día, na firma da acta constitucional. Paradoxicamente, a pandemia fixo máis fácil relacionarnos desde diferentes puntos de España, desenvolvendo moitas reunións mesmo ás dez da noite. 

A pandemia, ademais, puxo no foco o sector. 

A pandemia puxo de manifesto a importancia do sector primario e a importancia de garantir a soberanía alimentaria. Porque imaxina que non foramos autosuficientes alientariamente nun momento de pandemia coma a que pasamos. Pode ser complicado non ter mascaras, pero máis complicado había ser ir a un supermercado e non atopar alimentos. 

A gandeira Isolina Raña
A gandeira Isolina Raña | Fonte: remitida

Que puntos unen a mulleres gandeiras de diferentes partes do Estado?

 

Únenos que queremos promover o cambio, incidindo en asuntos do noso entorno. Queremos construír un plan de acción transversal para garantir a soberanía alimentaria, loitar por unha sostibilidade económica, enerxética, medioambiental e social nas granxas; traballar por conservar os modelos tradicionais de produción e da vida do campo, conservar a natureza e a paisaxe. En definitiva, a cultura rural. Queremos, ademais, que se coñeza e recoñeza todo o traballo que fan as mulleres, que levantan o sector primario en todos os puntos do Estado. Consideramos as mulleres un elo fundamental para o desenvolvemento do rural. Pero non nos centramos só nese punto, pensamos que o sector e o rural precisa o traballo de todas as persoas.

 

Neste sentido, que pensas que falta para conseguir a igualdade no sector da gandaría?

 

Dar visibilidade ás mulleres. As mulleres estamos traballando, e en moitos sectores a explotación está a nome das mulleres, pero cando te vas a cargos de responsabilidade, ves que non son as mulleres as que toman as decisións. É importante termos referentes. 

Ti chegaches a ser membro do Consello de Administración de Feiraco, es fundadora do grupo 'Mulleres de seu'... Na túa andaina profesional, batiches con moito machismo? 

 

Creo que é máis un tema cultural. É un tema de formación. Non é que directamente te estén discriminando, pero ás veces somos nós mesmas as que dubidamos ante proxectos que nos propoñen porque cremos que non imos poder facelos. As mulleres necesitamos ver que podemos. Necesitamos crelo.

 

Outro dos puntos fortes de 'Somos Tierra' é a protección patrimonial e do medio natural.

 

O medio natural protexe mantendo a actividade produtiva no rural. Só así é posible conservar a natureza, a diversidade e paisaxe que a vida no rural garante.

 

Ultimamente un dos conflitos máis intensos neste sentido ten que ver coa nova vaga de parques eólicos proxectados en Galicia e noutros moitos puntos do Estado. Consideras que poden afectar o sector?

 

Entendemos que son necesarios pero hai que buscar a ubicación onde menos dano fagan ao seu entorno. Non é cuestión de 'si' ou 'non', senón de situalos onde non entorpezan a vida das persoas e a paisaxe. De todas formas o cambio de modelo cara as enerxías renovables é imparable.

Xa por último, outra das túas facetas é a de 'agripooler' no marco do proxecto de desenvolvemento agrario de asociacións e cooperativas Acodea. En que consiste isto?

Agripooler é aquela persoa que comparte experiencias e coñecementos con outras persoas doutros países. É unha forma de transferir coñecemento de igual a igual, dende a empatía. Teño establecido contacto con Bolibia, Perú, Nicaragua... Tamén Holanda. É moi enriquecedor ver como outra xente que se dedica ao mesmo ca ti o fai doutra forma. Eu aprendo máis deles do que lles aporto. É súper gratificante. Eu sempre digo que Galicia é un refernte no sector lácteo e sempre se pode aprender doutros países. Compartir experiencias e rrelacións é unha das fortalezas do grupo que forma Adecoa. Xa non só se trata de asesoría, senón que temos esa capacidade de relacionarnos entre diferentes cooperativas e asociacións agrarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta