Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2021 | Actualizada ás 21:10
Volven as denuncias contra as malas condicións dos traballadores do Servizo Galego de Saúde. As críticas contra a xestión do organismo dependente da Consellería de Sanidade emerxen unha vez máis dun dos puntos máis combativos nos últimos meses: o Hospital Clínico de Santiago de Compostela. É precisamente aí onde a delegación de Saúde da CIG vén de convocar unha manifestación para o vindeiro xoves 1 de xullo.
A mobilización, prevista para as 12 do mediodía, pretende poñer de relevo as carencias denunciadas xa meses atrás por distintos traballadores sanitarios a este xornal. En particular, dende a Confederación apuntan a unha “falta de persoal” no Clínico que se estaría a cobrar “denegación de permisos” de vacacións e días de libre disposición.
Estes dereitos laborais pensados para a conciliación familiar estarían a quedar en papel mollado baixo o mando da xerencia santiaguesa, segundo destacan dende o sindicato. Así é que a formación denuncia unha “falta de planificación” por parte dos responsables do centro hospitalario que se estaría a remediar por iniciativa dos propios traballadores, que optan por “facer coberturas entre eles”, “sen poder gozar dos descansos obrigatorios por lei, recollidos na normativa vixente”.
LISTAXES DE PERSOAL
“A desculpa de falta de profesionais nas listas de contratación, xa non ten cabida”, subliñan dende a plataforma, que máis que falta de persoal ve unha intencionalidade de “aforro puro e duro” na xestión do Sergas. Neste aspecto, a CIG carga contra a que adoita ser a principal xustificación do Servizo Galego de Saúde, esa falta de profesionais, xa que, segundo o sindicato si hai persoal dispoñible “noutras listas” sen que se faga “a cobertura axeitada”.
Aínda que as denuncias do persoal sanitario de Galicia veñen de lonxe, a pandemia fixo estalar as protestas de distintos centros hospitalarios ante as problemáticas xeradas pola crise da covid. Os profesionais do Clínico de Santiago teñen desenvolto diversas denuncian que van dende a cobertura de horas extra por sistema á suposta presenza de "insultos e ameazas" contra aqueles traballadores que decidiron mobilizarse ante a política de contratación temporal do Sergas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.