112 coches vendidos e 3.000 visitas no VII Car Outlet de Ourense

O encontro tivo lugar esta pasada fin de semana e estivo organizado entre Expourense e a Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense-ACAUTO.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 14/05/2025 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Expourense vén de pechar as portas da sétima edición do Car Outlet Ourense, un salón organizado entre Expourense e a Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense-ACAUTO. O evento está xa consolidado e contou nesta ocasión coa participación de 15 concesionarios oficiais que representaban a 27 marcas e que ofrecían 440 opcións.

Vista do VII Car Outlet. Foto: Prensa Expourense.
Vista do VII Car Outlet. Foto: Prensa Expourense.

O balance en cifras resúmese nunhas 3.000 visitas e 112 coches vendidos. Estes datos indican que foron vendidas 4 unidades máis que na última edición de 2024 e case 500 visitas menos, o que aumenta o ratio de compradores por visitante, se ben o ano anterior 23 marcas repartiron as vendas e nesta foron 27. Os expositores destacaron a clara intención de compra do visitante que xa chega ao recinto sabendo qué tipo de coche quere e cánto quere investir nel.

Dende a organización matizan tamén que esta cifra de vendas pechadas no salón haberá que engadir as que se pechen durante os próximos días por parte dos “indecisos” durante a súa visita ao salón e tamén as xurdidas de contactos realizados durante a feira. Ademais das vendas pechadas nestes 3 días, esta cita serve tamén de toma de contacto para unha transacción a curto prazo. O proceso de compra dun vehículo supón un importante desembolso para as familias que visitan ao salón, miran, van para a casa a pensar e aos poucos días acoden ao concesionario pechar a compra ou para coñecer máiss detalles e probar o coche.

SEGUE A ACTIVIDADE EN EXPOURENSE

Polo que respecta a actividade de Expourense, continúa este mesmo martes 13 de maio coa celebración da terceira edición de Inspiro, un encontro sobre emprendemento entre o tecido produtivo e o ámbito educativo que o recinto organiza de forma conxunta coa empresa ourensá DixitalGou.

A seguinte cita feiral será xa entre o 22 e o 24 de maio coa celebración de Sportur Galicia “Salón do Deporte e Turismo Activo. Xogos Deportivos” que, por primeira vez se desdobra e celebra en maio a parte práctica vencellada co deporte coa participación activa de colexios e clubes, deixando para o mes de decembro a compoñente formativa coa celebración do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte (11 e 12 de decembro de 2025).

Tamén no mes de maio, o xoves 29, terá lugar o XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.

A actividade feiral do primeiro semestre do ano de Expourense rematará coa celebración, os días 2 e 3 de xuño, da 11ª edición de Ourense Vinis Terrae, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta