Veciños das Somozas esixen a paralización da actividade na canteira das Viñas

Concentráronse este luns para pedir que non se inicie a actividade de extracción, xa que o rexeitamento que está a provocar é "case unánime".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

Veciños das Somozas concentráronse na mañá deste luns fronte ao Consistorio para pedir a paralización dos traballos previos ao comezo da actividade na canteira ao descuberto das Viñas.

A empresa que quere explotala, con autorización para extraer áridos, comezou hai unhas semanas a preparar a zona, movementos que xeraron "preocupación" nos veciños, tanto polos riscos para a seguridade viaria como polos ruídos e outras molestias que xera o tránsito de camións e maquinaria "por pistas pequenas".

O permiso para extraer áridos remóntase a mediados dos anos 90. A empresa que o tramitou tratou entón de iniciar a actividade, pero acabou desistindo. Tras entrar posteriormente en concurso de acredores, a firma que se fixo cargo dos seus activos decidiu pola en marcha.

Para os residentes na zona, a segunda máis habitada do municipio, explica un dos veciños, Adrián Martínez, as condicións baixo as que a empresa quere comezar a actividade "son as mesmas que nos anos 90", algo que sorprende aos afectados por todos os cambios lexislativos en relación con este tipo de explotacións que se produciron desde entón, "sobre todo ambientais".

Os veciños, que levaron as súas demandas ao Parlamento autonómico cunha iniciativa formulada polo BNG, inciden en que non se inicie a actividade, posto que o rexeitamento que está a provocar é "case unánime". Ademais, piden axuda ao Concello (gobernado polo Partido Popular) para que "facilite o acceso á documentación e ao expediente".

Vivendas As Somozas
Vivendas As Somozas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta