Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 18:25
A industria forestal galega recuperase cifras previas á pandemia do coronavirus de manterse a actual tendencia, segundo un estudo que elaboran a Universidade de Vigo e o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Na súa presentación, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, destacou o "bo comportamento" da industria forestal e apuntou aos retos da "bioeconomía" e a economía circular.
O informe, segundo apunta a Xunta, recolle que en 2020 o sector volveu alcanzar a cota dos 2.000 millóns de euros de facturación e que o consumo se reactivou "de forma rápida". De manterse esta tendencia, engade, ata finais de ano, permitiría recuperar cifras prepandemia.
Ademais, segundo indica, ámbitos como a industria da madeira e a cortiza, e a fabricación de mobles, rexistran un incremento de produtos e prezos á alza, con subidas de entre o 17 e o 18%.
Pola súa banda, a Xunta reivindica que o seu obxectivo é "desenvolver cadeas de valor na industria forestal que impulsen a innovación para facer unha xestión sustentable dos montes galegos e incrementar a competitividade do sector".
FORO 'IGNICIA'
Por outra banda, a Xunta e a Fundación Barrié celebran o foro 'Ignicia' para explorar as oportunidades de futuro da transferencia de coñecemento na comunidade.
O evento terá lugar o 16 de xullo con formato mixto: presencial con aforamento reducido na sede da fundación na Coruña e retransmisión en 'streaming'.
Na cita presentaranse dous informes que detallan a situación da transferencia de coñecemento en Galicia e recollen recomendacións. A visión de expertos e promotores de 'spin-off' galegas completarase coa exposición das claves do programa 'Ignicia-Transferencia de Coñecemento' no que a Xunta conta coa colaboración de Barrié.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.