Críticas ao responsable dos megalitos da Costa da Morte por "mirar para outro lado" fronte os eólicos

A Rede Galega por un Rural Vivo carga contra José Luis Pérez Añón, tamén alcalde de Laxe (PP), por non rexeitar a "ameaza eólica".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións e respostas ante o vaga de eólicos sobre o territorio galego. O derradeiro episodio de mobilización vén de xurdir da Costa da Morte, un dos primeiros puntos de Galicia onde a veciñanza saíu a se manifestar contra o actual modelo de implantación eólica amparado pola Xunta de Galicia e o Goberno central.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

A denuncia parte da Rede Galega Por un Rural Vivo, que vén de apuntar ao presidente do Parque de Megalitismo da Costa da Morte e actual alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón (PP), por “mirar para outro lado” fronte á “desfeita ambiental e patrimonial provocada polos eólicos na costa do seu municipio”.

A cuestión emerxeu nun pleno municipal despois de que BNG e PSdeG presentaran de forma conxunta unha moción para solicitar á corporación local o “rexeitamento explícito” da instalación de parques eólicos na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, reclamando ademais do consistorio a defensa da integridade paisaxística desta área costeira e que os técnicos municipais se implicaran na mesma de cara aos trámites de consultas administrados pola Xunta antes de desenvolver o estudo de impacto ambiental. 

Porén, a moción presentada resultou desestimada polo alcalde popular, circunstancia que non cae con sorpresa sobre a Rede Galega. Dende a plataforma recollen as palabras de Adecom, que hai unha semana lamentaba a “tibia ou nula” reacción da “maioría de alcaldías da Costa da Morte ante a ameaza que se cinxe sobre as cabezas da súas veciñanzas”.

"DANO IRREPARABLE" NA CONTORNA

Segundo apuntan dende a plataforma, a instalación de parques eólicos por parte de EDP Renovables na área suporía un “dano irreparable” nun contexto no que se están a dar numerosas vulneracións cunha “afección paisaxística severa” a carón da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte, así como unha notable "afección aos recursos hídricos" e á propia Rede Natura en diferentes áreas de interese ambiental. Por riba, na zona situaríanse tamén especies en perigo de extinción catalogadas como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e á subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher). 

O caso do alcalde de Laxe, con todo, é distinto en tanto que, á parte da cadeira de rexedor, este ocupa tamén a presidencia do Parque de Megalitismo da Costa da Morte, un conxunto patrimonial como os que, a ollos da plataforma, se poderían ver afectados de seguir adiante os plans de EDP Renovables. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta