Axudas para máis de cen hoteis e restaurantes que conten cun número superior aos 25 empregados

Deste xeito, as empresas de 25 a 50 traballadores poderán solicitar ata 40.000 euros; de 51 a 75 empregados, límite de 55.000 euros; e as de 76 ou máis traballadores poderán pedir 75.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2021 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou unha partida de 2,5 millóns en axudas para a modernización de hoteis e restaurantes de máis de 25 empregados.

Así o avanzou este martes nun encontro co sector en Santiago, onde o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, explicou que son unhas 140 empresas as que reúnen estes requisitos, despois de non poder optar aos dous primeiros plans de rescate do Goberno galego ao exceder o límite de 25 empregados.

Deste xeito, as empresas de 25 a 50 traballadores poderán solicitar ata 40.000 euros; de 51 a 75 empregados, límite de 55.000 euros; e as de 76 ou máis traballadores poderán pedir 75.000 euros.

As axudas terán que empregarse, entre outros, para gastos de transformación dixital, mellora de imaxe de empresa e vinculación co Xacobeo e Galicia, así como reformas de accesibilidade e configuración dunha oferta inclusiva para diferentes colectivos.

Neste sentido, Cesáreo Pardal subliña que "o sector necesita máis axudas", polo que estes apoios supoñen "un paso adiante", en "unha mostra máis" de colaboración entre hostaleiros e a Administración galega.

Respecto diso, Alfonso Rueda valora que a "ocupación hoteleira está a subir moito en comparación con meses anteriores", pero remarca que "se necesita esta axuda para remontar malos meses" nun sector que supón máis do 10% do PIB de Galicia.

DIFICULTADES DO TERCEIRO PLAN DE RESCATE

Así mesmo, Rueda indicou que estas subvencións serán "sinxelas" na súa tramitación para que "non pase o que está a pasar no terceiro plan de rescate co diñeiro estatal", xa que "os requisitos que está a impor o Goberno central, que é quen transferiu o diñeiro, están a dificultar moitísimo o acceso ás axudas".

Remarca que os dous primeiros plans do Goberno galego "esgotáronse e tramitáronse sen ningún problema", nos que "houbo máis solicitudes que axudas a poder repartir".

Con todo, quéixase de que este terceiro plan "ten moitísimas menos solicitudes que o diñeiro a repartir", polo que "cando segue habendo unha necesidade de axudas está claro que algo falla".


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reúnese con hostaleiros. CONCHI PAZ
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reúnese con hostaleiros. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta