A lei para recoñecer a universidade privada de Abanca xa é unha realidade

A lei contempla uns requisitos que a universidade terá que cumprir para manterse en funcionamento. Porén, tamén establece que será a entidade privada a que vele polo seu cumprimento, en colaboración coa Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a lei de recoñecemento da universidade privada impulsada por Afundación, que entrará en vigor este xoves, tras superar o último trámite lexislativo no Parlamento galego a pasada semana.

Segundo recolle o DOG, a sede da Universidade Intercontinental da Empresa, que impartirá docencia nas modalidades presencial e semipresencial situarase en Galicia. Así, sinala que o seu obxectivo é "constituírse en universidade privada de servizo público, especializada no ámbito da empresa e de carácter internacional", para o que desenvolverá "unha actividade académica centrada en dúas áreas de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura".

En concreto, recoñécese a entidade Fundación Universidade Intercontinental da Empresa "como universidade privada do Sistema universitario de Galicia" e indícase que a súa sede estará situada en Santiago, mentres os seus campus estarán situados na Coruña e Vigo.

O inicio da súa actividade deberá ser autorizado mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da consellería correspondente, tras comprobarse o cumprimento dos requisitos legais.

Ademais, o seu cesamento deberá ser autorizado por un decreto do Consello e estar "motivado polo incumprimento por parte da universidade dos requisitos legalmente establecidos e dos compromisos adquiridos no momento de solicitar o recoñecemento" ou por decisión da entidade promotora.

CONTROL

A lei tamén establece que a universidade privada deberá colaborar coa Xunta "na tarefa de comprobación do cumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos", ademais de "elaborar anualmente unha memoria detallada que comprenda as actividades docentes que se realicen" e "as liñas de investigación e os seus resultados".

Así mesmo, destácase que "a execución e desenvolvemento desta lei non terá incidencia de ningún tipo na dotación orzamentaria prevista no Plan galego de financiamento universitario" da Xunta. Ademais, no decreto de autorización de inicio de actividades da Universidade Intercontinental da Empresa "determinarase o inicio do cesamento de actividades do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa, adscrito á Universidade de Vigo (UVigo)".

Finalmente, indícase que, de acordo coa normativa, o recoñecemento desta universidade privada "caducará no caso de que, transcorridos cinco anos desde a entrada en vigor desta lei, non se solicitase a autorización para o inicio das actividades académicas ou esta fose denegada".

A lei para a creación da universidade privada superou a pasada semana na Cámara galega o último trámite lexislativo coa aprobación do texto normativo que permitirá o desenvolvemento e a implantación dun modelo que se prevé que se poña en marcha no curso 2022-2023. Así, o PPdeG aprobou en solitario a normativa entre críticas do BNG e o PSdeG, que se situaron en contra e advertiron de que levaría "duplicidades" na oferta académica da comunidade.

Oficina de Abanca
Oficina de Abanca | Fonte: Abanca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta