A acidificación dos océanos pon en perigo o futuro do marisqueo, segundo un estudo da UdC

O traballo liderado pola investigadora Viviana Peña concluíu que o incremento de CO2 nas augas reduce a formación de algas que contribúen a crear espazos de interese marisqueiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 21:10

Comparte esta noticia

A investigadora Viviana Peña Freire, da UdC vén de liderar un traballo de investigación sobre o impacto da acidificación dos océanos desenvolto a nivel internacional e baseado  no estudo de surxencias --movementos de augas-- volcánicas de CO2. As conclusións do traballo veñen de ser publicadas na revista científica Global Change Biology e poden ser consultadas seguindo este enlace.

Mariscadoras anciñando a area | Moaña Cedida polo Museo do Mar de Galicia e e Asociación de Mariscadoras de Moaña
Mariscadoras anciñando a area | Moaña Cedida polo Museo do Mar de Galicia e e Asociación de Mariscadoras de Moaña

O estudo tomou como base estas surxencias volcánicas de CO2, que foron estudadas tanto tomando como base o Mediterráneo --en particular a zona de Italia-- e o Océano Pacífico --na área de Xapón--. Segundo apuntan dende a universidade, estes gradientes naturais de CO2 foron aproveitados para estudar as algas vermellas coralinas, que pola súa natureza calcárea “son susceptibles ao fenómeno de acidificación dos océanos”.

O estudo constata a perda de biodiversidade deste grupo de algas en áreas con lixeiros incrementos de CO2 e a súa completa desaparición nas áreas de maior concentración deste composto químico. A problemática está en que estas algas, en particular certos grupos, son responsables da formación de hábitats mariños de gran biodiversidade e de interese marisqueiro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta