A Xunta proporá no Real Padroado de Santiago relanzar a industria cultural e a rehabilitación de patrimonio

Román Rodríguez sitúa "a pandemia" e "a contorna política" como as causas de que este órgano non se reunise antes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2021 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A Xunta afronta a reunión do Real Padroado de Santiago que se celebrará este domingo, coa presenza do rei Felipe V e do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, coas principais propostas de rehabilitar elementos patrimoniais e poder relanzar a industria cultural tras a pandemia da covid-19.

Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, en declaracións á Radio Galega, recollidas por Europa Press, nas que explica que a convocatoria deste órgano, tras 18 anos sen reunirse, servirá para abordar un plan estratéxico para a cidade de face ao 2032.

"Hai proxectos, algúns deles xa expostos desde hai tempo por parte do Concello e outros por parte da Xunta, que entendemos que son vertebrais, que teñen un alcance supramunicipal e unha perspectiva máis galega", explicou.

En concreto, puxo o foco na rehabilitación do patrimonio. Neste contexto, referiuse especialmente a todos os bens vinculados á universidade, así como a espazos "moi emblemáticos da cidade" que "non están na améndoa histórica pero si teñen un alto valor", como son Conxo e Sar.

Ademais, Rodríguez considera que o Real Padroado pode ser unha "oportunidade para situar e relanzar as industrias culturais, tanto pola súa capacidade de creación de emprego como a proxección que fai de Galicia no exterior".

Paralelo a todo iso, o conselleiro de Cultura sinalou como "fundamentais" os diferentes camiños a Santiago: "Debemos articular e mellorar o espazo urbano polo que transcorren".

"MÁIS VALE TARDE QUE NUNCA"

Tras 18 anos sen reunirse o Real Padroado, Román Rodríguez recoñeceu que lle gustaría que "se reunise con máis frecuencia" e que se convocou "un pouco antes" para poder preparar o Xacobeo 2021. No entanto, foron "diferentes motivos", entre eles "a pandemia e a contorna política", os que o impediron.

"Vale máis tarde que nunca e esperemos que o Real Padroado sexa un pistoletazo de saída e podamos ver un compromiso do Goberno central cara ao Xacobeo, cara a Galicia e cara a Compostela", dixo o conselleiro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante o pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante o pleno. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta