Hostaleiros de Ferrol cren que as novas medidas "propician e incentivan festas ilegais e botellóns"

Apreman ao Concello a que abone as subvencións do terceiro programa de rescate.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2021 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

O colectivo Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra (HAF) manifestou a súa "total desconformidade" coas normas para o sector impostas pola Xunta desde este sábado para facer fronte á propagación do coronavirus, e considéraas "inxustificadas, desproporcionadas e discriminatorias", ademais de "ilóxicas e de dubidosa legalidade". Cren que "só propician e incentivan as festas ilegais e os botellóns".

Os hostaleiros agrupados en HAF afirman que "non ten ningún sentido que se discrimine por licenza no canto de por uso" e lembran que desde hai máis dun ano denuncian que "un establecemento non puidese traballar nas mesmas condicións que outros que realizan a mesma actividade".

Insisten, ademais, en que é "intolerable" que se "siga criminalizando e pondo o foco dos contaxios na hostalaría". "Ao mesmo tempo que vemos imaxes de botellóns en espazos públicos sen ningún intento de control por parte das autoridades", agregan.

Tamén consideran "hipócrita" o feito de que "non se pida PCR para subir a un avión, onde se come e se bebe e onde non se respectan as distancias nin hai límite de aforamento", mentres no sector da hostalaría "acumúlanse as medidas unhas encima doutras". HAF expresa ademais a súa "profunda preocupación pola saúde económica e mental" das persoas que viven do sector.

AXUDAS MUNICIPAIS

Ademais, Hostaleiros e Autónomos Ferrolterra critica o "excesivo atraso" por parte do Concello de Ferrol á hora de "resolver e facer os pagos das axudas do PAME 3", o terceiro Plan de Mantemento e Impulso da Actividade Económica posto en marcha pola administración local para paliar os efectos da pandemia no tecido económico da cidade.

"Reclamamos ao goberno local de Ferrol", sinalan nun comunicado, "que proceda de inmediato e con dilixencia a abonar esas axudas" para facer fronte ás consecuencias económicas derivadas da pandemia.

Primeiros clientes gozan das terrazas da cafetaría de Málaga. Álex Zea - Europa Press
Primeiros clientes gozan das terrazas da cafetaría de Málaga. Álex Zea - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta