O Sergas di que mantén "con normalidade" as cirurxías a pesar do aumento da presión hospitalaria pola covid-19

Redúcese nun mes a espera por unha operación con respecto a hai un ano, pero hai 3.740 pacientes máis en lista.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2021 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Jorge Aboal, asegurou este martes que polo momento a actividade cirúrxica "pódese ir desenvolvendo con normalidade" a pesar do aumento da presión hospitalaria provocada nas últimas semanas pola quinta onda da pandemia.

UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago.. ANA VARELA/SERGAS / Europa Press

Preguntado en rolda de prensa sobre se se producen suspensións ou adiamentos de intervencións non urxentes, Aboal afirmou que ata agora "os pacientes que necesitan hospitalización están todos sendo hospitalizados", igual que aqueles "que requiren soporte respiratorio específico" nas unidades de coidados intensivos (UCI).

E é que polo momento, a diferenza de ondas pasadas da covid, os hospitais do Sergas aínda non activaron a fase dúas, na que se empregan as camas de reanimación cirúrxica "unha vez a UCI estean completas".

De acordo cos últimos datos da Consellería de Sanidade, solicitados ás 18,00 do luns, as persoas ingresadas pola covid-19 en coidados intensivos subiron a 30 nas últimas 24 horas --cinco máis-- e a 236 as que se atopan noutras unidades --tres máis--.

Na mesma rolda de prensa, o xerente do Sergas, José Flores, admitiu que estiman que "en principio" os pacientes en UCI van ir subindo. Con todo, dixo que "a día de hoxe" os datos "non lles preocupa desde o punto de vista asistencial". "Pero iso non quere dicir que non nos preocupe a incidencia", matizou a continuación, posto que "non son os números" que lles gustaría ter este verán.

A pesar de que "non hai ese momento de estabilización" do crecemento da presión hospitalaria, Flores si manifestou o seu optimismo debido a factores como o avance da vacinación --en Galicia, as persoas con pauta completa están xa preto do 70% de poboación diana-- e a "inmunización propia da xente que se está infectando".

70,2 DÍAS DE MEDIA

O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica no Servizo Galego de Saúde (Sergas) era de 70,2 días a día 30 de xuño de 2021. Supoñen 30,6 días menos que os 100 rexistrados na mesma data do 2020, cando os datos se dispararon tras a primeira onda da pandemia da covid-19.

Con todo, hai un total de 40.316 pacientes en lista nas sete áreas sanitarias --incluído o concerto co Hospital Povisa de Vigo--, o que implica que hai 3.740 persoas máis pendentes dunha intervención que hai un ano, cando eran 36.576.

Dos máis de 40.000 pacientes en espera estrutural, 29.209 teñen que esperar entre 0 e 3 meses (13.528 máis que hai un ano); 8.908 persoas teñen unha demora de 3 a 6 meses (7.318 menos que a peche de xuño de 2020); 1.937 esperan entre 6 meses e un ano (-1.482); e 262 deben agardar máis de 12 meses (+144), máis do dobre que nos datos dun ano atrás.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta