Feijóo afirma que a evolución da pandemia é "a prevista" e insiste en que tocará teito a próxima semana

Mantén que a hostalaría é "un factor determinante", pero "non o maior", e defende as medidas para o sector como alternativa ao peche

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que a situación en Galicia en relación á evolución da pandemia é "a prevista" --tanto no que respecta á alza de contaxios como nos ingresos hospitalarios e en UCI--, e insistiu na mensaxe que lanzou na pasada xornada: se na quinta onda se cumpren os antecedentes doutras previas, "a finais da próxima semana tocarase teito e empezarase unha meseta con certa tendencia á baixa".

Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo)
Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Así o trasladou nun acto celebrado este martes na Gudiña, onde relativizou o incremento de casos e da presión asistencial en Galicia. "Hai un incremento de casos novos de forma moi especial nas franxas de idade ás que non puidemos chegar coa vacinación, como consecuencia de que non temos doses para todos os cidadáns", reflexionou.

Respecto diso, reiterou que se está dando "unha concentración" de casos novos na poboación de entre 16 e 20 anos, cunha incidencia superior aos 3.000 casos por cada 10.000 habitantes. "E a medida que imos subindo, ata os 29, tamén hai preocupación, aínda que os contaxios son inferiores", agregou, para engadir que, a partir dos 30, os contaxios descenden.

O motivo, insistiu o presidente galego, é a vacinación. Así, volveu lamentar non ter vacinas suficientes para chegar á poboación máis nova, aínda que destacou que en Galicia o proceso de inmunización avanza a bo ritmo.

E na liña do que xa manifestara a pasada xornada, recalcou que, se a curva desta quinta onda se comporta de acordo cos antecedentes doutras previas, a finais da próxima semana "tocarase teito" en Galicia, onde se empezará "unha fase de meseta con certa tendencia á baixa". Tamén volveu a recorrer ao exemplo de Ourense, no que a onda subiu antes e que "xa baixa".

En todo caso, destacou, unha vez máis, que Galicia está "entre as tres comunidades con menor presión asistencial en planta e en UCI" en España. "De momento, as porcentaxes van de acordo co previsto: entre un 1 e un 1,2% de hospitalizados, e entre 0,1 e 0,2% en UCI".

"Seguimos traballando e facendo seguimento. O comité clínico reúnese este martes e actuará coa independencia asistencial que lle corresponde", sinalou, en referencia a que manterá ou elevará as restricións naqueles concellos nos que así o aconsellen os protocolos establecidos segundo a incidencia e outros factores.

HOSTALARÍA

Nesta conxuntura, o presidente galego insistiu en que só hai tres instrumentos para combater a pandemia: a vacinación, acudir aos cribados e actuar con responsabilidade. E preguntado pola hostalaría, tamén insistiu en que é "un factor determinante e de risco" no que respecta á evolución da pandemia, pero matizou que "non é o maior".

O "maior", remarcou, son "as persoas non vacinadas con prácticas de risco en casas ou con reunións, algunha mesmo ilegal, como algún botellón illado que queda en Galicia".

E volveu defender as medidas de pedir o certificado de vacinación ou unha proba negativa nos concellos con nivel máis elevado de incidencia, na liña da normativa "dos países europeos", como "a solución menos mala". Non en balde, remarcou que "a outra alternativa" é "pechar".

"Lamento dar un traballo adicional a eses establecementos, pero a outra opción é pechalos", recalcou, antes de incidir en que, por exemplo, a porcentaxe de maiores de 40 vacinados en Galicia é elevado e "non ten sentido que non poidan entrar" nun bar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta