GC Aberto

Dende o ventre da pandemia

Por admin | GCAberto | 30/07/2021

Comparte esta noticia

De volta na planta covid do meu hospital, botando unha man nesta quinta onda que veu sen permiso, e despois de coñecer ben a quen temos ingresado por covid-19, voume permitir a licencia de explicar como morrer de coronavirus a día de hoxe no mundo occidental, opulento, hiperconectado, con sanidade pública e universal, e sobrecarga patolóxica de información.

Os doutores Xurxo Romaní e Eva Vandeneynde, galegos na planta covid en Barcelona
Os doutores Xurxo Romaní e Eva Vandeneynde, galegos na planta covid en Barcelona | Fonte: Arquivo

No grupo de pacientes desta semana, unha parella de paquistanís. Ela non fala unha palabra de castelán. Recibían mensaxes no móbil chamándoos á vacinación, pero non os entendían. Debían pensar que eran propaganda e esmoreceron na bandexa de entrada. Se cadra a parella non sabía moi ben como funcionaba isto da pandemia. De xeito semellante, unha muller máis maior que non quixo vacinarse porque “lle tiña medo á vacina, igual que a veciña do terceiro, que disto sabe moito”. Noutro escenario da traxicomedia, a velliña que non foi vacinada porque o seu médico de familia díxolle que agardara, que a vía “moi frouxa”. Todos estes exemplos son simple ignorancia.

Noutro extremo, os chamados “negacionistas”. Os que creen que a pandemia é un invento do club Bilderberg, a Orde do Temple, ou os cerebros de Google, para controlarnos, facerse de ouro cos tratamentos, ou inserir sofisticados xeolocalizadores patrullando polo noso sangue e controlando as nosas vontades. Os terraplanistas son poucos, e temos sorte de vivir nun país

onde a vacina está sendo administrada batendo todos os récords, pero habelos hainos, ingresados cunha neumonía bilateral, sorbendo osíxeno mentres boquexan como ollomoles. Sorte teñen de que agora a mortalidade non é a de marzo de 2020, porque coñecemos mellor ao becho e temos armas dabondo.

A estatística é demoledora. Pasar unha enfermidade grave por coronavirus nas persoas que tomaron as dúas doses da vacina é un feito rarísimo, que non chega nin ao 0,5 % dos vacinados. Os pacientes ingresados nos hospitais son xente maior non vacinada, persoas máis novas que non recibiron a segunda dose, ou adolescentes que aínda están pendentes do ‘pinchazo’.

O parvo, o necio de manual, nin ve, nin escoita, nin entende, e non lle importa saber o mediocre da súa condición. O ignorante, polo menos, cando coñece, ve, pensa, entende e quizais rectifica. Podo aturar a ignorancia, non a necidade. En canto poidades, vacinádevos! Isto está a rematar e non podemos permitirmos o luxo de estragalo cando xa vemos a luz ao final do túnel.

Xurxo Romaní

Médico Dermatólogo do Hospital Parc Taulí de Barcelona

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta