GC Aberto

A hostalaría galega necesita dereitos, non escusas

A firma do convenio de hostalaría de Pontevedra supón un paso adiante nun sector que non pode seguir sendo sinónimo de precariedade.

Por admin | | 22/09/2025

Comparte esta noticia

Iván Cordeiro, CC.OO. Servizos

Imaxe dun traballador de hostalaría.. MINISTERIO DE TRABALLO
Imaxe dun traballador de hostalaría.. MINISTERIO DE TRABALLO

A hostalaría é hoxe un dos motores económicos de Galicia: só en agosto de 2024 superou as 71.760 persoas afiliadas segundo datos da Seguridade Social no sector hostaleiro de Galicia, alcanzando este mes de agosto do ano 2025 as 73.367 persoas afiliadas (isto supón un incremento anual do 2.2% duns anos para outro).

Durante todo o ano anual de persoas cotizantes en Galicia á Seguridade Social foron de 62.486 persoas no ano 2024 e 65.209 persoas no ano 2025. Son cifras que mostran o peso cada vez máis importante do sector da hostalaría na nosa CCAA.

Doutra banda segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e a Xunta de Galicia no primeiro semestre do ano 2025 o sector hostaleiro galego obtivo uns ingresos nominais de 165,5 M?, un 4,3 % máis que no seis primeiros meses de 2024. Só o pasado xuño, o sector ingresou 46,9 millóns, un 9,3 % máis que en xuño do pasado ano (fonte Xunta de Galicia e INE).

Pero o crecemento económico non significa automaticamente unha mellora das condicións laborais. Tras eses números hai persoais sometidos a sobrecargas de traballo, horarios partidos, presión constante, salarios axustados e riscos psicosociais que acaban enfermando a quen sosteñen co seu esforzo este alicerce económico cada vez máis importante en Galicia. Por iso, cada avance en dereitos é fundamental.

En Pontevedra, CCOO xunto con UXT alcanzamos un convenio que recolle unha subida salarial do 7 % para 2024-2025, cláusula de revisión vinculada ao IPC real, melloras sociais (como permisos para acompañar a fillos menores ao médico), e un recoñecemento histórico para as camareiras de piso, que a partir de 2027 pasarán a unha categoría superior en hoteis de 3 a 5 estrelas (non renunciando a alcanzalo no resto de hoteis de menores estrelas no futuro). Trátase de conquistas reais que dignifican un sector que durante demasiado tempo estivo marcado pola precariedade.

É xusto tamén recoñecer a responsabilidade da patronal de hostalaría de Pontevedra, que entendeu a necesidade de avanzar nun acordo equilibrado e asumiu o reto de mellorar as condicións laborais do sector. Esa actitude contrasta coa mantida noutras provincias, onde o bloqueo e as propostas regresivas seguen sendo a norma.

Algún sindicato optou por non asinar este acordo, criticándoo publicamente a pesar de recoñecer en privado as melloras alcanzadas e instándonos aos demais sindicatos a asinalo. Fano como parte da súa estratexia sindical, pero non pode esquecerse que, na mesa, presentaron unha oferta económica por baixo da que finalmente se logrou grazas á presión e a firmeza de CCOO na mesa. Criticar o asinado sen recoñecer as condicións de partida é, como mínimo, unha contradición.

Mentres tanto, na Coruña a patronal bloquea avances e expón propostas que son un auténtico retroceso, como a eliminación do complemento por incapacidade temporal. O seu argumento é a "alta taxa de absentismo" na hostalaría. Pero esa acusación é profundamente tramposa: baixo a etiqueta de absentismo inclúen baixas médicas justificadas, permisos legais ou o exercicio de dereitos recoñecidos. Unha enfermidade non é absentismo. A conciliación non é absentismo.

O que a patronal non quere recoñecer é que as propias condicións do sector son as que enferman aos persoais. A sobrecarga de traballo, as xornadas partidas, a falta de descanso e a presión constante xeran baixas laborais. En lugar de investir en prevención e en mellorar a saúde laboral, pretenden castigar ás persoas traballadoras eliminando dereitos.

Desde CCOO dicímolo con claridade: o futuro da hostalaría en Galicia non pasa por recortar dereitos, senón por amplialos. O crecemento do emprego turístico debe ir acompañado de convenios que protexan a saúde, dignifiquen salarios e ofrezan estabilidade. O contrario sería perpetuar un modelo insustentable que condena ao persoal ao esgotamento e ao sector á falta de profesionais.

Avanzar en dereitos, como se fixo en Pontevedra, é o único camiño. Porque sen dereitos non hai futuro digno para a hostalaría galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta