Castrove tamén se levanta contra a ameaza eólica

A poligonal do parque eólico proxectado afecta numerosas casas da aldea da Escusa, na provincia de Pontevedra, segundo indica a plataforma veciñal creada.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Castrove vénse de sumar á longa listaxe de concellos que se enfrontan á ameaza dos eólicos. Dende a plataforma veciñal recentemente nada 'Non ao parque eólico do Monte Castrove' expresan o seu rexeitamento ao proxecto de implantación de catro aeroxeradores que "prexudicarán gravemente o Monte Castrove", un espazo natural de gran valor ambiental para todos os municipios colindantes, Meis, Poio, Barro e Pontevedra; e para a contorna xeral. "Estes aeroxeradores", informa a plataforma, "ocupan unha gran cantidade de terreo que se destinará a uso industrial, a chamada poligonal, que incluso afecta numerosas casas da aldea da Escusa e desvaloriza as súas propiedades ata nun 50%". 

Veciñanza da plataforma 'Monfero di non' facendo pancartas.
Veciñanza da plataforma 'Monfero di non' facendo pancartas. | Fonte: remitida

Este proxecto, que se deu a coñecer o 22 de xullo, está a levantar unha "forte oposición social", polos impactos medioambientais, paisaxísticos e pola "enorme desvalorización" das potencialidades da zona. "O monte é un ben de todos que debemos coidar, e a instalación destes parques implica, ademais do enorme ruído que producen, o deterioro do monte e das traídas de augas, ademais da perda de vexetación e fauna salvaxe", proseguen dende a plataforma. Por todo isto, a rede veciñal está levando a cabo unha intensa campaña informativa, presencial e nas redes sociais, e recollida de sinaturas para dar a coñecer este proxecto e o seu alcance. 

Entre as accións desenvolvidas, a plataforma asistirá, xunto cos alcaldes dos catro concellos afectados e os presidentes das comunidades de montes implicadas, a unha reunión informativa na explanada da Seca o próximo 4 de agosto ás 20:30 horas. A plataforma confía en que as comunidades de montes se posicionen "a favor do benestar de toda a poboación e do monte, que é un ben moi preciado que queremos que disfruten as seguintes xeracións", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta