Sobre os sistemas de capitalización

Un sistema de capitalización das pensións é unha posíbel alternativa ao sistema de reparto español. Mentres no sistema de reparto as cotizacións da xeración en idade de traballar sufragan as pensións do reformados nun sistema de capitalización as cotizacións obrigatorias dos traballadores acumúlanse nun fondo de investimento. Os cotizantes han recibir o valor capitalizado do fondo cando cheguen á súa idade de reforma. Por tanto, a taxa de rendibilidade do fondo está determinada pola taxa de rendibilidade normal do mercado. O fondo de capitalización pode ser individual ou colectivo e os rendementos do fondo poden partillarse segundo a contribución de cada quen ou introducindo o sistema redistributivo que se considere oportuno. A xestión do sistema pode ser pública ou privada. Por tanto, que ninguén se confunda, un sistema de capitalización non implica necesariamente a privatización das pensións nin impide mecanismos redistributivos. Porén, a xestión privada, na medida en que dea posibilidade de elección aos traballadores e introduza concorrencia entre os xestores dos fondos ha aumentar a eficiencia do sistema.

Por Fernando del Río | Compostela | 13/01/2014

Comparte esta noticia
Nun contexto de feble crecemento demográfico a rendibilidade dun sistema de capitalización é superior á dun sistema  de reparto, cuxa rendibilidade, grosso modo, está ligada á taxa de crecemento da poboación. Esta maior rendibilidade esperada é sen dúbida unha baza en prol do sistema de capitalización. Supoño que este é un dos motivos polos que moitos reclaman hoxe a súa implementación.  
 
Porén, un debe ter en conta os problemas que suscita a transición dun sistema de reparto a un sistema de capitalización pois no momento de realizar a transición os actuais traballadores pasarían a contribuír ao sistema de capitalización e deixarían de pagar as cotizacións sociais destinadas a satisfacer as obrigas adquiridas cos actuais reformados. Para facer fronte a estas obrigas o Estado debe endebedarse e repartir os custos desta débeda entre as xeracións actuais e futuras. 
 
Mais esta transición pode ser mais doada do que moitos pensan. Mesmo aqueles que avogan polo sistema de capitalización. Se o actual sistema de reparto ten consecuencias negativas para a produtividade e/ou o emprego entón é posíbel realizar  a transición a un sistema de capitalización de xeito que todas as xeracións –presentes e futuras- melloren sen que a débeda contraída supoña ningún problema de solvencia para as arcas públicas.  Dadas as graves distorsións que as elevadas cotizacións sociais están xerando no mercado de traballo posibelmente as potenciais ganancias de benestar da transición a un sistema de capitalización non sexan nada desprezábeis.  
 
Agora ben, tal como as cotizacións sociais do sistema de reparto xeran importantes distorsión –supoñen un forte gravame para as rendas salariais- tamén o sistema de capitalización ten as súas. O sistema de capitalización implica unha elevada porcentaxe de aforro obrigatorio destinado a sufragar as futuras pensións. Agora ben, os individuos poderían desexar destinar estes recursos a outros fins mais rendíbeis. Por tanto, o aforro obrigatorio pode estar a forzar unha atribución ineficiente dos recursos. Considere un traballador novo de baixa cualificación con elevada probabilidade de ficar desempregado. O sistema de capitalización estaríao obrigando a destinar unha elevada fracción do seu salario ao sistema de pensións que el tal vez preferiría destinar a adquisición de capital humano que eleve o seu salario futuro e reduza a súa probabilidade de ficar desempregado.
 
Tamén o sistema de pensións pode xerar comportamentos perversos nas autoridades públicas. Por un lado, habitualmente os fondos de pensións están obrigados por lei a investir unha porcentaxe do fondo en débeda pública coa pretensión de asegurar os seus rendementos. Isto facilita o crédito barato ao Estado e incentiva o excesivo endebedamento público. Por outro lado, os fondos de pensións constitúen un bocado apetitoso para os gobernantes. Tan guloso que a miúdo non poden resistir a tentación de expropiación. Como na Arxentina ou en Polonia. E a outra cara da moeda. Non esquezamos que a rendibilidade dos fondos de pensións depende do mercado. Nos malos tempos. Os inversores han querer, como todos, que o Estado lles tire as castañas do lume e acuda no seu rescate. E a súa reclamación non carecería de sentido xa que foron obrigados polo Estado a adquirir este produto financeiro.
 
En síntese, a transición a un sistema de capitalización podería ser unha vantaxosa e mais rendíbel solución ante os problemas de solvencia que atravesa o actual sistema de reparto español debido ao alargamento da esperanza de vida e a escasa taxa de substitución, mais non debemos esquecer os problemas que suscita en termos de atribución ineficiente dos recursos e incentivos perversos na xestión pública. Porén,  entre o actual sistema de pensións español e un sistema de capitalización existe unha alternativa. Un sistema de pensións de inspiración anglo-saxona. Deixámolo para un próximo artigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).