Transferencias solidarias

Á hora de deseñar os sistemas de financiamento de organizacións políticas mais ou menos integradas tais como un estado autonómico, un estado federal ou mesmo unha organización supra-estatal como a Unión Europea moitos sinalan a importancia de contar con transferencias interterritoriais de carácter solidario. Transferencias que flúan das zonas ricas cara as pobres co fin de fomentar a converxencia destas últimas.

Por Fernando del Río | Compostela | 22/11/2014

Comparte esta noticia
Non consiste en negar unha certa necesidade de transferencias interterritoriais no caso de que certas rexións teñan dificultades para fornecer de certos servizos considerados básicos aos seus cidadáns. Mais a cuestión que nos debemos facer é se estas transferencias logran o obxectivo de tirar do seu atraso relativo á rexións pobres. A resposta, desafortunadamente, é que normalmente non.
 
Ronald I. McKinnon publicou no ano 1997 un artigo titulado “Market-preserving fiscal federalism in the American Union” no que compara a experiencia dos Estados sulistas dos Estados Unidos co Mezzogiorno italiano e as provincias atlánticas do leste canadiano. A diferenza é que os Estados sulistas americanos non receben transferencias solidarias mentres si o fan as rexións meridionais itálicas e as provincias marítimas do leste canadiano. McKinnon constata que os Estados sulistas foron as rexións mais pobres do país desde finais da guerra civil ata mediados do século XX. Porén, actualmente o éxito económico do novo sur é salientábel. Lograron achegarse ao norte industrial aproveitándose dunha menor regulación e dos seus custos laborais mais baixos. A historia do Mezzogiorno é moi diferente. Alí as transferencias son usadas para soster empresas carentes de rendibilidade e alimentar a corrupción. Non existen entón nas rexións do sul da bota itálica incentivos para abandonar estas empresas improdutivas e adaptarse a novas realidades. Ao mesmo tempo as transferencias alimentan unha elite extractiva corrupta interesada en que as cousas sigan como están. Por iso, as transferencias solidarias non  só non axudan a que unha rexión emprenda a vía da prosperidade, mais tamén son unha das razóns que explican a súa permanencia na pobreza. A inutilidade das transferencias solidarias tamén é posta de manifesto por Anne Krueger nun traballo de 2006 titulado “The role of freedom, openness and individual enterprise in economic development”. Krueger compara as rexións alemás e polacas fronteirizas. As primeiras receben inxentes recursos do goberno federal mentres a súa economía permanece anémica. Pola contra, as rexións polacas fináncianse con  recursos propios e a súa economía medra vigorosa. 
 
Non hai outro ámbito onde o fracaso das transferencias solidarias sexa mais palpábel que no das políticas de axuda ao desenvolvemento. Economistas como Sir Arthur Lewis ou Gunnar Myrdal acreditaban que os países do Terceiro Mundo estaban atrapados nunha trampa da pobreza e que para tiralos da mesma e situalos na senda do desenvolvemento económico era precisa  unha inxente axuda externa. Axuda orientada a sufragar investimentos en áreas imprescindíbeis tais como a educación, a saúde ou a natalidade. Era responsabilidade dos países ricos darlles o Gran Empurrón. Só superando as numerosas eivas nestes aspectos, os países pobres podería iniciar un crecemento económico sustentado. Ou polo menos iso acreditaban. O caso é que o Banco Mundial seguiu durante varias décadas as teorías destes e outros economistas e as políticas así inspiradas foron un rotundo fracaso.  Corrupción, dispendio, elites extractivas, investimentos absurdos,...eses foron os resultados. Só unhas poucas economías do sueste asiático que aproveitaron as oportunidades exportadoras do mercado global lograron progresar. 
 
O fracaso destas políticas de axudas ao desenvolvemento económico son narradas no libro  do economista William Easterly “The Elusive Quest for Growth: Economists’ Adventures and Misadventures in the Tropics” publicado no 2001. Easterly sabe do que escribe porque durante dezaseis anos traballou como economista para o Banco Mundial. Por certo, neste mesmo ano 2014 publicou outro interesante libro titulado “The Tyranny of Experts: Economists, Dictators, and the Forgotten Rights of the Poor” no que alerta contra as solucións máxicas baseadas na planificación. O desenvolvemento económico ha ser endóxeno produto da orde espontánea xurdida da interacción de individuos libres ou non será. Esta visión do desenvolvemento económico deixa pouco espazo para os expertos, os economistas e os dictadores, certamente.
 
 Pode ser duro de asimilar, porque tal vez a mente humana estea evolutivamente condicionada para procurar a intencionalidade en todos os acontecementos, tal como argumenta o filósofo Daniel Dennett. Por iso para nós sempre foi tan doado acreditar nas teorías conspirativas ou apostar por solucións planificadas como difícil interiorizar a teoría darwiniana da evolución ou a teoría da man invisíbel do esgrevio escocés Adam Smith.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).