A CIG aposta por priorizar aos interinos nas oposicións cun sistema diferenciado de probas

Quere que se convoque por un lado as prazas estruturais e, por outro, as que se deriven de xubilacións ou falecementos. Nas primeiras din que teñen que ser prioritarios os interinos que xa teñan experiencia previa en docencia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/08/2021 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Case a metade das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaron no mesmo corpo docente ao que opositaban no ensino público e a porcentaxe de persoal opositor con máis de tres anos de experiencia docente que obtivo praza apenas supera o 24% (docentes con máis de 2 puntos no apartado 1.1. do baremo). Son datos dun informe da CIG que sinala que se demostra un ano máis que, "agás no caso caso do corpo de mestras e nalgunhas especialidades contadas de secundaria, non se materializou o concurso-oposición e a experiencia acumulada é un mérito maioritariamente irrelevante para obter unha praza fixa". 

Alumnos en exames de oposicións
Alumnos en exames de oposicións | Fonte: XUNTA - Arquivo.

A central nacionalista propón para paliar esta situación, un acceso diferenciado polo que se convoque por un lado as prazas estruturais e, por outro, as que se deriven de xubilacións ou falecementos. "Para garantir a legalidade do sistema a ambos os dous procedementos poderá presentarse calquera persoa pero no primeiro caso priorizaríase ao máximo a experiencia profesional, con probas non eliminatorias, e no segundo a fase de oposición sobre a de concurso", indica.

 

As oposicións  docentes están condicionadas pola LOE, na que se sinala como vía de ingreso o concurso-oposición. "Con todo a realidade vén demostrando que os procesos selectivos son, na maioría das especialidades, unha oposición á que se lle suma despois a fase de concurso só para ordenar a xente que aproba a oposición, verdadeiro filtro do sistema de ingreso", indica nun comunicado.

Así, a central nacionalista critica que o procedemento selectivo que rexe as oposicións docentes "se limita exclusivamente á primeira parte da oposición", composta por unha proba práctica e outra teórica, o que impide que se aplique a fase de concurso, na que computan os méritos entre os que se atopan os anos traballados na docencia. Tamén lembra que unha parte moi maioritaria das persoas aspirantes poida demostrar a súa capacidade pedagóxica na segunda parte, que consiste na exposición e defensa dunha programación e dunha unidade didáctica.

INFORME

Segundo este informe,  a metade dos e das aspirantes que aprobaron, o 47,5% do total, ten 0 puntos no apartado 1.1. do baremo, que avalía a experiencia no corpo, destacando sobre todo as porcentaxes no corpo de secundaria (50,6%), de Escolas Oficiais de Idiomas (57,1%) e de mestras (52,6%). Se se lle suma á porcentaxe total aquelas persoas que non tiñan nin sequera un punto nese apartado (o que equivale a una antigüidade inferior a un ano e medio de traballo) sobe a un 66,4% e se se toma como referencia quen ten menos de 2 puntos (tres anos  traballados) chégase ao 75,2% do total. 

"En Galiza só aprobou as oposicións docentes o 24,8% do profesorado interino con tres anos de experiencia (aquel que  suma máis de dous puntos no apartado 1.1. do baremo, no que se recolle a experiencia no mesmo corpo ao que se opta e se corresponde)", apunta o sindicato. Á vista dos datos extraidos pola CIG-Ensino do cotexo do baremo definitivo publicado por cada un dos tribunais que interviñeron nestas oposicións, "a porcentaxe total de traballadores e traballadoras con máis de 7 puntos (10 anos  de servizos prestados) que conseguiu superar este procedemento é de apenas o 6,2%".

Neste caso, tamén hai diferenzas salientábeis por corpos, sendo no de mestras no que menos interinos ou interinas de longa duración conseguiron praza, apenas o 4,3%, o que contrasta coas cifras relativas nas EOI, Conservatorios e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño, con porcentaxes neste caso que suman de media o 16,4% entre os tres corpos. Deste xeito, porcentualmente, a cifra de docentes interinos con longas interinidades é superior naquelas especialidades nas que menos oposicións se convocaron nos últimos doce anos. 

"Desde a CIG-Ensino amosamos a nosa preocupación polas repercusións que van ter os resultados destas oposicións e das que se celebrarán o vindeiro ano, e que lembremos que sumarán a convocatoria da OPE de 2021 coa de 2022, se non hai un cambio profundo no sistema de acceso", indica. Neste sentido, destaca que "moito profesorado con varios anos de servizo verá empeoradas as súas condicións de traballo, ou ben pasando a ser substituto ou substituta ou ben directamente ao desemprego".

"Os recortes denunciados pola CIG-Ensino con respecto ao curso anterior á pandemia tamén afondarán nesta precariedade que tan só se verá mitigada polo elevado número de xubilacións que se prevé nesta década pero fundamentalmente nas especialidades maioritarias", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Viva a burramia! Viva o caciquismo! A seleçom nom polos mais capazes, pois a única prova objectiva que mostram os conhecimentos e a capacidade para dar aulas som as oposiçons, todo o demais é atraso e voltar a tempos anteriores à Revoluçom Francesa que instauro o principio e mandato de IGUALDADE, em contra dos privilégios dos caciques ou senhores. Manda cara… que um sindicato que se presenta defensor das classes trabalhadoras defenda o despotismo do dislate. A nengum contratado por estar trabalhando, que é umha boa sorte nos tempos que correm, impede-lhe estudar e preparar as oposiçons. Premiar a borregagem é mostra de ter conceitos anti-libertadores e defender o servilismo.