O PSdeG ve "indecente" que Feijóo aumente gasto en altos cargos mentres diminúe en sanidade

"O que di Contas é que Galicia inviste moito menos do que pode e do que debería", denuncia Gonzalo Caballero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tachou de "indecente" que a Xunta, co popular Alberto Núñez Feijóo á fronte, incremente o gasto en altos cargos e persoal de gabinete mentres o seu investimento na sanidade pública é inferior á doutras comunidades, afirmacións que fixo apelando aos últimos informes do Consello de Contas neste ámbito, publicados a finais do pasado mes de xullo.

Por iso, esixiu a Feijóo "máis fondos" e contratación "estable" na sanidade pública, ao denunciar a existencia dun goberno "desbordado, con ineficacia, ineficiencia, falta de xestión e de compromiso á hora de dar solución aos problemas" neste ámbito. "O que di Contas é que Galicia inviste en sanidade moito menos do que pode e do que debería", aseverou, e "iso é parte de todo o problema que se está vendo" este verán.

Así, asegurou que "mentres outras comunidades autónomas fan un esforzo investidor moito maior, Galicia está nunha posición en que debilita a capacidade dos profesionais de dar resposta aos problemas de saúde".

250 EUROS MENOS POR HABITANTE QUE ASTURIAS

Como "datos ilustrativos" referiuse ao que sitúa en 250 euros menos por habitante o investimento en sanidade na comunidade galega en comparación coa de Asturias. Fronte a isto, apuntou a un aumento de en torno ao 6% en gasto en persoal de gabinete e do 5% en altos cargos. "Non inviste en sanidade mentres inviste noutras cuestións que implican gasto non necesario", criticou.

MÁIS TEMPORALIDADE

A continuación, advertiu do "incremento da temporalidade que é moi preocupante", ao fixala nun 44% en atención especializada e no 28% en atención primaria. "Redúcese o persoal fixo e increméntase o interino, eventuais e substitutos, nun modelo de precarización que é parte estrutural da debilidade que ten o Goberno da Xunta á hora de comprometerse", incidiu.

Así, o líder dos socialistas galegos rexeitou este "modelo" e pediu a Feijóo investir máis e contratación estable que combata a precariedade.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero / PSdeG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta