Allariz, preto de alcanzar o 50% de lixo reciclado e recuperado

O concello vén de presentar unha nova campaña que pretende acometer a mellora de zonas de compostaxe. Actualmente dispón de máis de 100 composteiros comunitarios e uns 400 de uso individual.

Por X.M. Fernández | Allariz | 31/08/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Allariz quere seguir na avangarda da compostaxe comunitaria e para acadalo segue a investir en políticas medioambientais. Nunha nova campaña que vai activar contará cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia que está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, sendo o investimento subvencionable de 13.750 euros, máis IVE para esta partida.

Composteiro comunitario en Allariz. Foto: Prensa Concello de Allariz
Composteiro comunitario en Allariz. Foto: Prensa Concello de Allariz

Esta achega permitirá a mellora de 8 zonas de compostaxe, incluíndo a colocación de 15 composteiros de gran capacidade naquelas zonas nas que o gran nivel de aportación así o require. Aproveitarase tamén para reparar, mellorar e regular o aporte nas zonas de acumulo de biomasa, que nalgúns casos están desbordadas polo uso continuo e masivo.

Na actualidade Allariz dispón dun número superior aos 100 composteiros nas súas áreas de compostaxe comunitarias, que complementan a función dos máis de 400 composteiros de uso individual dos que dispoñen aqueles propietarios que os solicitaron para as súas parcelas particulares e a recollida porta a porta nos grandes produtores.

COLABORACIÓN CON ADEGA E RETOS

Este ano, dentro deste mesmo programa, estase a executar en colaboración coa Asociación ADEGA a entrega de 150 composteiros máis para os usuarios que así o requiran, sendo estes totalmente gratuítos. E podendo solicitalo no mail: medioambiente@allariz.gal.

O propio Concello de Allariz agradece o compromiso co medio ambiente por parte da cidadanía e lembra que: "a veciñanza de Allariz, está a fronte da reciclaxe en Galiza, e agardamos que este ano se acade o 50% de lixo reciclado e/ou recuperado, tras o parón que supuxo o ano 2020 no desenvolvemento destes proxectos". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta