"A saúde mental non explotou porque fomos as familias as que cargamos con toda a responsabilidade"

Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maior incidencia de suicidios. Estes datos poñen en relevancia as carencias que presenta o sistema de saúde mental en Galicia, aínda maiores se se teñen en conta as necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 no que se refire á saúde mental.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Reportaxe de Carlota Álvarez e Patricia Otero

Depresión
Depresión | Fonte: Gabriel Lamela

Os datos presentados cada ano sobre os suicidios en Galicia preocupan. No 2019, o Imelga rexistrou 318 suicidios, unha cifra que medrou un 10,4% con respecto ao ano anterior. Por outra banda, o INE rexistrou un total de 3.083 suicidios entre o 2010 e o 2019. A isto súmaselle unha tendencia que se repite anualmente e que coloca a Asturias e Galicia á cabeza das comunidades con máis incidencia de suicidios de toda o país. O Observatorio do suicidio apuntou para Galicia unha taxa do 9,52 por 100.000 habitantes, estando a media de España no 7.48.

Ante estes datos, os profesionais da saúde mental insisten na importancia de visibilizar e normalizar as enfermidades mentais. A eliminación de prexuízos, así como saber detectar diferentes problemas son accións individuais que axudarían a unha mellor saúde mental colectiva, pero a actual situación desta rama sanitaria tamén fai latente a necesidade de melloras, como o aumento de profesionais nun momento onde os problemas relacionados ca saúde mental son cada vez máis habituais.

A CRISE DO CORONAVIRUS, A NOVA LOITA DA SAÚDE MENTAL

O confinamento chegou para cambiarnos, afectando á nosa saúde tanto física como psicolóxica. A situación actual supuxo unha carga emocional que entre as persoas con enfermidades previas resultou maior. Outros factores como a precariedade laboral ou a incerteza sobre o futuro axudan a que a saúde mental empeore. O Presidente da Sección de Psicolóxica e Saúde do colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e psicólogo da Unidade de Prevención de suicidios de Vigo, José Eduardo Rodríguez Otero, apunta como a demanda está aumentando tras a pandemia.

“O que pasa é que historicamente cando hai crises, é despois cando máis problemas de saúde mental. Este tipo de crises soen conlevar crises económicas e estas problemas de saúde mental”, apunta Rodríguez Otero. Aínda que sexa especulación, algúns profesionais apuntan a un empeoramento nos vindeiros anos, o que xa se está a demostrar no aumento da demanda.

Paradoxicamente, durante a época do confinamento a demanda non foi moito máis elevada que noutras circunstancias, como recorda a psicóloga da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental a Mariña, Sonia Nogueiras. “Na época de corentena eu creo que aí tiramos non sei se de almacén ou paciencia, pero agora a situación estase desbocando máis”, recorda a psicóloga.

Esta situación pon de manifesto a precariedade na que se atopa a saúde mental en Galicia. Os recursos existentes non corresponden á demanda, que cada vez é maior. A nosa comunidade autónoma presenta un ratio de profesionais que son os segundo peores despois de Ceuta, como indica Rodríguez Otero. A isto súmaselle a precaria situación de España con respecto aos datos da Unión Europea.

Porén, no que se refire a número de suicidios, España ten unha taxa menor se se compara con países exsoviéticos como Lituania ou Eslovenia, ou orientais como Corea do Sur, país que encabeza a lista das taxas de suicidio en países da OCDE no 2019.

 A IMPORTANCIA DE PEDIR AXUDA

Os datos relacionados con suicidios demostran que a meirande parte das persoas que se suicidan son homes. “Os homes son máis impulsivos que as mulleres e as tentativas son máis letais”, explica Rodríguez Otero, quen recorda que con respecto ao suicidio unha cousa é ter a idea e outra pasar ao acto. Con isto pode entenderse por que os datos de mortalidade son maiores entre o sector masculino, pero tamén pola falta de axuda. “A pesar de que a maior parte de suicidios son homes, nós atendemos maioritariamente a mulleres. Cústanos chegar aos homes, que piden menos axuda”, afirma o psicólogo.

Nisto coincide Nogueiras, que observa que os homes soen ser máis reservados e que as mulleres teñen máis tendencia a explicar o que lles sucede. “Ao mellor a persoa que pide axuda con máis facilidade ten outras estratexias ou dánselle outras alternativas que fan que a vía do suicidio sexa menos plausible e a teñan menos en conta. O feito de pedir axuda pode que sexa un factor de protección”, comenta Nogueiras.

"O feito de pedir axuda pode que sexa un factor de protección"

A axuda varían en función de cada paciente, pero na actualidade esta atención céntrase na atención terciaria, é dicir, entre aquelas persoas con problemas graves. No caso da Asociación A Mariña, traballan con pacientes crónicos, que levan anos de evolución. En canto ao Plan de Prevención de Suicidios, este tamén se centra nesa atención terciaria, a través de diferentes tipos de axuda, como tratamento terapéutico, psiquiátrico, apoio de enfermería ou a través do traballo social, que cobra importancia ao comprender que os problemas sociais poden ser raíz das enfermidades. En canto ao plan, este varía en función da unidade de prevención e da área sanitaria.

Dende a Fundación Salma propoñen unha reforma estrutural a través dunha Lei de Saúde Galega: “Hai que repensar o modelo de xestionar a saúde mental e hai que organizalo moi ben de cara a medio e longo prazo, para que isto teña unha continuidade no tempo”, explica a presidenta da asociación.

Con respecto a isto, tamén resulta esencial a atención secundaria e primaria para o tratamento da saúde mental. Unha das críticas na que coinciden os profesionais é na falta de medios neste tipo de atención. “O que falta por desenvolver é a atención primaria e secundaria, porque ao fin moitas persoas que se suicidan non están en contacto cos servizos de saúde mental”, argumenta Rodríguez Otero.

“Se houbese unha atención primaria onde puideras pedir cita e que houbese unha continuidade de coidados, habería unha taxa de suicidios, pero nunca tan alta. Pero hai unha falta de atención brutal, e no rural aínda máis”, explica a presidenta de Salma, quen recalca a importancia da atención temperá e da continuidade de coidados. “Se unha persoa comeza con problemas graves pero se detecta a tempo, as posibilidades de recuperación son moi grandes”, engade.

“Se unha persoa comeza con problemas graves pero se detecta a tempo, as posibilidades de recuperación son moi grandes”

A proximidade dos médicos da atención primaria e a confianza poden ser unha vía para unha detección temperá, pero as condicións das consultas debido aos ratios de profesionais non sempre permiten unha atención de calidade. “Necesitamos atención psicolóxica en primeira liña para detectar máis rápido os problemas, e isto é algo que botamos en falta”, opina Nogueiras.

 AS FAMILIAS, VÍTIMAS DO SISTEMA

A situación na que se atopa o atención a saúde mental en Galicia fai que as familias sexan grandes prexudicadas, tendo en conta que moitas veces son estas as que se encargan do coidado e seguimento dos pacientes.

“Isto implica unha sobrecarga brutal para o familiar ou coidador, que lle acaba afectando ao paciente”, comenta Nogueiras. Trátase dun ciclo no que o que lle ocorre ao paciente repercute na familia e viceversa. Por isto, a “atención integral debe incluír á familia ou coidador, para favorecer a descarga emocional, a psicoeducación e a información. Na atención psicolóxica entra tamén a atención a familiares, unha parte mi importante do traballo”. 

ROMPER ESTEREOTIPOS

Detrás da saúde mental seguen a ser moi comúns os estereotipos. Aínda que si se advirte unha mellora a través dos anos, queda camiño por recorrer no que se refire á eliminación destes. A estigma provoca que as persoas que padecen algún problema psicolóxico sexan máis reticentes a compartilo, por medo a sentirse avergonzado ou pensando que o que lles pasa é algo pouco frecuente, facendo que a ocultación sexa maior. “Pero aínda queda por avanzar, porque aínda hai estigma se a xente cala ou oculta”, afirma Rodríguez Otero. Os prexuízos, tanto por parte da sociedade como das persoas que padecen diferentes enfermidades, bloquea e prexudica a estas últimas.

Neste sentido, as redes e os medios de comunicación teñen un papel importante á hora de transmitir a información, visibilizar e normalizar estas enfermidades. Aínda que as redes sociais poidan ser unha arma de dobre fío, que estas remarquen as posibilidades de axuda e non transmitan unha visión equivocada, pode axudar moito á sociedade

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta