Mundo disparate

Mundo disparate este, onde se lle presta máis atención aos choros dun futbolista que gaña un premio que ao pranto desconsolado das familias das mulleres asasinadas pola violencia machista. Universo incomprensible este, ilóxico e inxusto onde a xente se apaixona con concursos de suposta cociña, de suposta música, de suposta beleza. Un mundo simulado pois, onde todo resulta falso, fútil, fabricado a mantenta para durar medio segundo, consumir rápidamente e esquecer con urxencia.

Por Francisco Castro | Vigo | 22/01/2014

Comparte esta noticia
Abro o twitter e aparece diante do meu smartphone un universo de informacion xigantesco diante de min. Milleiros de novas que podo ler case que en tempo real, e que me falan de concelleiras que din non sei que do franquismo e a pena de morte, de marianos aos que os obamas medio ignoran, de como se recurtan os recursos para loitar contra da violencia machista. E digo eses porque son os que recordo despois da enésima visita diaria á rede dos 140 caracteres. Pero en realidade, de todo iso, moito non se fala. Os asuntos que chegan a ser os máis falados, os máis chiados, os TT, son sempre os mesmos e, polo xeral, teñen que ver con programas de televisión, coas tetas de non sei quen (alguén que sae pola televisión) ou co fútbol (iso que sae sen parar na televisión). E eu penso: mundo disparate. Non abondan 140 anos para maldicirte.
 
Un planeta, este, habitado, teoricamente, por un animal racional. Que é quen de deixar que morran millóns de conxéneres ao ano mentres que destina os recursos para que a traxedia non ocorra, a mil cousas absolutamente intranscendentes. O que importan son as persoas e se as persoas non importan, daquela, é que nada en realidade importa. E vemos as lágrimas do futbolista portugués, e aos seus familiares emocionados e moitos e moitas, por iso do contaxio emocional, emociónanse con el. E viven ese instante como se fose algo de estrema tenrura. Que quizais o é. Pero esas persoas son incapaces de conmoverse diante do sufrimento de todas esas nais que ven como os seus pequechos se lles morren nos brazos nun mundo de disparate, este mundo noso que merca helicópteros para o seu exército, como o goberno español meteu no último BOE do ano pasado, para, chegado o caso, tirarlle un bombazo enriba do cabezolo a esa nai orfa de fillos malnutridos.
 
Este é o noso mundo. O do disparate. Onde as cousas non teñen valor, senón prezo. Onde os ricos dormen igual de felices aínda que saiban, porque o saben, que parte do seu benestar apóiase sobre o sufrimento, o dor e as bágoas doutra moita xente.
 
Este é o meu mundo. Un completo disparate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro